A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o debate de totalidade dos orzamentos para denunciar as consecuencias dos recortes do PP nos servizos básicos como a sanidade que teñen o exemplo máis recente no peche do paridoiro e das urxencias pediátricas no Hospital de Verín.
A dirixente do BNG trasladou todo o seu apoio a reivindicación que ten en pé de guerra a toda unha comarca e que hoxe desprazou até Santiago a varios centos de veciñas e veciños de Verín que se manifestaron ante as portas do Parlamento e, ademais de pedirlle a Feixóo que rectifique e restitúa os servizos suprimidos, puxo sobre a mesa os “graves” incidentes que acompañaron ao último parto no hospital de Verín.
“Vemos quen pon en risco a saúde das mulleres e os dereitos da infancia: o PP coa decisión de recortar servizos”, denunciou, “como se constatou a semana pasada cando só a responsabilidade do persoal médico evitou que unha muller de Verín tivese que parir na estrada camiño de Ourense”.
Pontón foi máis aló ao facer fincapé nos acontecementos que rodearon ao parto que mesmo fixeron necesaria a intervención do xulgado e derivaron nunha situación de “violencia contra a muller” que non se asumir como normal, alegou.
“Non podemos pasar por alto que, despois dun parto que se produciu con normalidade, pese a que houbo que recorrer ao un xulgado para poder contar con pediatra, a decisión que se toma é quitarlle a nai o fillo dos brazos xusto despois de nacer, trasladalo só nunha ambulancia até Ourense, trasladar despois a nai para tela dúas horas esperando sentada nun corredor mesmo provocándolle unha hemorraxia. Nada disto se pode considerar normal”, salientou a líder nacionalista.
Por iso, a portavoz nacional avanzou que o BNG “vai pedir unha investigación dos feitos que acompañaron a ese parto porque estamos ante un caso moi grave e non podemos normalizar unha violencia exercida desde o sistema contra as mulleres”.
Ademais, Pontón reclamoulle ao PP que “non use como un rodillo a súa maioría” e que apoien a proposición non de lei do Bloque que se debaterá en pleno a favor de restaurar os servizos.
“No usen a maioría absoluta como rodillo parlamentaria e escoiten o que pide a comarca de Verín con independencia das cores políticas, recoñezan o seu erro e rectifiquen e non permitan que volva repetirse a situación desta nai e iso depende do botón que aperten mañá, non miren para outro lado, abandonen os intereses de partido e poñan por diante os da veciñanza, deixen as mentiras, as presións aos profesionais e demostren respecto e sensibilidade porque é intolerable o que está pasando con Verín”, concluíu.
Mandato unánime dunha comarca
Fora, na rúa, a portavoz de Sanidade, Montse Prado, e a deputada por Ourense, Noa Presas acompañaron aos centos de veciñas e veciños que reivindicaban a restitución dos servizos no hospital de Verín, ao lado tamén do tenente de alcalde dese concello, Diego Lourenzo, e do rexedor da Mezquita, Rafael Pérez.
“É evidente cal é o mandato unánime da comarca de Verín: que Feixóo ten que rectificar de xeito inmediato e reabrir a sala de partos e as urxencias pediátricas. Canto máis tempo pasa máis quedan en evidencia as mentiras do PP, pensaban que as mulleres íamos calar pero van dados porque non imos parar até que rectifiquen e mañá mesmo teñen unha oportunidade de facelo votando a favor da iniciativa do BNG”, salientou Presas.
“Vexo aquí moitos deputados provinciais da Deputación de Ourense espero que estean para incentivar aos seus compañeiros e compañeiras porque estamos nunha situación na que xa se puxo en perigo a unha muller a súa crianza, que máis ten que pasar para que rectifique o PP”, interpelou.
.@anaponton a mobilización da veciñanza de Verín en Compostela demostra que a xente non traga coas mentiras do @ppdegalicia. No BNG traballaremos para que non se peche o paridoiro de Verín. #verinnonpecha pic.twitter.com/PK7gLKkcLM
— BNG (@obloque) December 17, 2019
.@diegolourenzogz Hai unha clara mairoría social que reclama que o paridoiro non se pecha. #verinnonpecha #QueremosSanidadePública pic.twitter.com/v2rkwEu3nw
— BNG (@obloque) December 17, 2019
.@noaourense "O @ppdegalicia, Feijóo, Baltar... teñen que escoitar á veciñanza de Verín e rectificar. Os dereitos das mulleres deste país non teñen prezo." #VerínNonPecha #QueremosSanidadePública pic.twitter.com/RxCxvd9tgC
— BNG (@obloque) December 17, 2019