parlamento galego

Ana Pontón pide a Feixóo que levante o veto a unha tarifa eléctrica galega e permita abaratarlle a factura da luz aos galegos e galegas

Ana Pontón
Ana Pontón

Unha tarifa diferenciada como en Dinamarca, Suecia, Noruega ou Alemaña para que familias e empresas se beneficien da riqueza eléctrica do País

“Só hai dúas razóns para frear esta medida xusta, social e realizable: que manda o lobby eléctrico e o centralismo político do que é cómplice”, alegou

Galiza é rica en electricidade pero non se beneficia desa riqueza, ao contrario, familias e PEMES pagan cada vez máis pola factura da luz e iso pese a soportar os custes ambientais e sociais, porque producir electricidade implica ter o País cheo de encoros, máis de 4.000 aeroxeradores en 106 concellos e, ademais, agora implica un boom eólico depredador que ameaza a supervivencia do rural.

Hai que mudar este marco, e con ese obxectivo, a portavoz nacional, Ana Pontón, demandou ao presidente da Xunta que levante o veto á tarifa eléctrica galega que permitiría abaratar o prezo da luz, unha tarifa diferenciada que teñen moitos países europeos.

“Como Dinamarca, Suecia, Noruega, Finlandia, Suíza, Alemaña, Reino Unido, todos  con tarifas diferenciadas e con prezos máis baratos nas zonas produtoras porque é de sentido común, porque é máis barato subministrar enerxía alí onde se produce e porque ademais a riqueza do País debe beneficiar a maioría social”, alegou, tras preguntarse porqué se lle nega a Galiza o que é habitual en moitos países europeos.

“Dígollo eu, porque as eléctricas mandan máis que os gobernos e por puro centralismo político do que vostede é cómplice e que fai que a nosa enerxía estea ao servizo de Madrid”, denunciou a portavoz do Bloque.

Pontón tamén criticou que o presidente da Xunta non teña alternativa algunha para abaratar o prezo da luz nunha Galiza que produce electricidade a esgalla.

Sesión de control“A factura da luz sobe ano tras ano, todo indica que xuño marcará un máximo histórico, e isto pasa con gobernos do PP e con Gobernos do PSOE, grazas a ese xogo perverso de portas xiratorias e a un sistema feito á medida das eléctricas, con beneficios multimillonarios”, indicou, citando como exemplos que en 2020 en plena pandemia empresas como ENDESA tivese un beneficio de 1.394 M€ ou os 3.610 M€ de Iberdrola.

E, neste contexto, lamentou que a contribución do xefe do Executivo sexa unha contumaz oposición á tarifa eléctrica galega. “Doce anos impedindo baixarlle a factura da luz as familias e ás empresas, a través dunha medida xusta, social e realizable e todo porque, como declarou neste Parlamento, en Madrid non se entendería. O que non entenden é porqué non poden ter unha factura da luz máis barata nunha Galiza rica en electricidade; que teñamos os montes cheos de muíños e os ríos cheos de encoros sen ningún beneficio e non entenden porqué se nega a que paguen menos pola factura da luz vetando a tarifa eléctrica galega”.

Pontón ironizou sobre o feito de que Feixóo replicase criticando unha medida habitual en Europa e culpabilizando, como xa é habitual nas sesións de control, ao BNG e a portavoz nacional “de todos os males do universo”.

“Leva doce anos de presidente da Xunta, pero cada vez que hai un problema ven a este Parlamento a botarme a min culpa. É consciente de que con esa actitude se pon vostede mesmo en ridículo, é consciente de que con iso o único que fai e declarar a súa incompetencia política para darlle solucións aos problemas dos galegos e as galegas pedíndome a min que lle faga o seu traballo”, replicou.

Déficit democrático

A portavoz do Bloque puxo o acento en que Galiza paga o custes pero non obtén beneficio da súa riqueza eléctrica, da que exporta o 30%, “e cando lle poñemos sobre a mesa unha proposta para mudar esta situación a súa resposta é culpar ao BNG”, todo isto nun marco lexislativo a favor das eléctricas aprobado polo PP e que o PSOE mantén, o que representa “un déficit democrático” no Estado español.

E todo isto mentres as familias pagan a luz cada vez máis cara, un 14,31% dos fogares sofren pobreza enerxética e miles de empregos están en xogo polo custe da enerxía. “Nesta situación a súa resposta é atacar a proposta que permitiría baixar a factura, unha proposta que require de vontade política, a que a vostede lle falta para defendela ante o Goberno do Estado”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG