Ana Pontón: “Insistir no mesmo modelo de financiamento que nos discrimina é unha vía morta”

Cualifica de “mera declaración de intencións” o documento asinado en Santiago e pide a Feixóo ambición para defender un modelo de financiamento a favor de Galiza

Tres propostas para avanzar na soberanía financeira: elevar ao 90% a cesión do IVE e IRPF, xestionar o imposto de sociedades e que tributen aquí as empresas con actividade económica no País

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, destaca que a reunión entre presidentes e presidentas celebrada en Santiago conclúe coa sinatura dun documento que non pasa de ser “unha mera declaración de intencións”, co agravante de que, por parte do presidente da Xunta, se propón seguir cun modelo de financiamento que discrimina a Galiza.

“O que propón Feixóo é seguir co mesmo modelo de financiamento con simples retoques e esa é unha vía morta que non leva a ningún sitio, que manterá un sistema que nos prexudica”, indicou, mentres que desde o BNG “queremos ser máis ambiciosos”. Por iso, recalcou, “apostamos por un modelo de negociación bilateral que teña como punto final conseguir a xestión do 100% dos nosos recursos”.

“Xa temos un mecanismo de negociación multilateral no Consello de Política Fiscal e Financeira, e con ese mecanismo aprobouse o actual modelo de financiamento que nos discrimina, que nos fai perder millóns de euros cada ano que necesitamos para financiar servizos públicos, sectores produtivos, retorno da xente moza e outras necesidades”, explica Pontón.

Polo tanto, recalcou a líder do Bloque, “repetir o que non funciona só vai conseguir un resultado: que Galiza perda e queremos que Galiza gane. Por iso propoñemos un cambio total, un modelo que nos permita a xestión do 100% dos nosos recursos,  recadar aquí, marcar as prioridades desde aquí e despois facer contas co Estado. Xusto o contrario do que se fai agora”.

Hai que mudar o modelo, insistiu,  a través dunha negociación bilateral Xunta-Estado co obxectivo de lograr a xestión da totalidade dos recursos que recade Galiza.

 

“Ese é o horizonte do BNG pero, conscientes de que Feixóo non ten as mans libres senón que ten que seguir as directrices que o PP lle marque desde Madrid, formulamos medidas para avanzar cara a soberanía financeira de Galiza con tres propostas concretas: elevar ao 90% a cesión do IVE e do IRPF, conseguir a cesión do impostos de sociedade e lograr que paguen impostos aquí ás empresas que operen aquí”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG