Ana Pontón e Gabriel Rufián defenden o diálogo político e a negociación fronte á bronca das dereitas de Colón

Conversa en Compsotela
Conversa en Compsotela

Ana Pontón salienta a importancia de que a xente moza se implique na participación política ao tempo que cada vez máis xente ve no madricentrismo un lastre

“Somos as forzas nacionalistas de esquerda ás que impulsamos unha alternativa social ante un bipartidismo apegado ao poder”, alega Pontón

Dereitos, liberdade, democracia enunciaba o coloquio que hoxe mantiveron en Santiago a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz no Congreso de Esquerra Republicana, Gabriel Rufián, poñendo en valor o papel das forzas nacionalistas de esquerda a favor do diálogo e da negociación mentres que, a mesma hora, as dereitas se manifestaban na Praza de Colón na dirección contraria.

“Hai dúas imaxes, a de quen está na Praza de Colón manifestándose de ganchete da extrema dereita machista, racista, xenófoba e claramente antigalega e a das que  estamos aquí para falar de liberdade, de futuro, de como saír do bucle da crispación apostando polo diálogo e pola negociación política para darlle solucións ás demandas da cidadanía”, explicou Pontón, “dúas imaxes: a dos que están no follón, na bronca e  alimentan unha espiral que fuxe da realidade e a das que estamos polo diálogo e as solucións pactadas”, sintetizou.

Conversa en Compsotela Tras reiterar a posición do Bloque a favor dos indultos, “porque un conflito político debe ter unha solución política”, Pontón denunciou as consecuencias dun centralismo exacerbado, -que denominou madricentrismo-, “que cada vez máis é percibido como lastre non só para construír un proxecto vital en Galiza senón tamén para a maioría social do Estado” porque, subliñou, “a concentración de poder político, económico e mediático en Madrid é útil para os do IBEX 35 pero deixa tirada á maioría social”.

E puxo como exemplo o espolio da  riqueza eléctrica “mentres se impón unha factura da luz que é unha estafa”, ou como ese centralismo madrileño “é un problema para o reparto de oportunidades que permitan ter proxectos vitais de futuro con emprego, vivenda, emancipación. Hai que romper con esa aspiradora de recursos e as forzas nacionalistas estamos tamén xogando ese papel a favor das maiorías sociais”.

Neste contexto, Pontón fixo fincapé na “importancia” de que a xente moza “se implique cada vez máis na participación política, tendo en conta que son varias as xeracións de mozxs que se senten estafadxs”. Ao que se suma o feito da emigración como elemento específico de Galiza: “a proba do fracaso das políticas da dereita e do centralismo e a emigración da xente moza”, recalcou.

Por iso, Pontón indicou que a necesidade de cambios estruturais “non debe levar as forzas nacionalistas a renunciar a dar solucións aquí e agora, traballando no que afecta ao cada día e demostrar que somos a mellor alternativa para que a maioría social poida chegar a fin de mes, para que non se sinta estafada cada vez que paga a factura da luz ou para que a xente moza teña futuro aquí”.

 

De feito, argumentou, unha parte do avance social e electoral do Bloque está en que hai moitos galegos e galegas que, sen sentirse nacionalistas, “si ven no BNG a mellor alternativa para defender os seus intereses e mellorar a súa calidade de vida, en definitiva para gobernar Galiza”, explicou.

Derrogar as políticas da dereita

No coloquio, Pontón tamén fixo unha reflexión sobre as consecuencias de que desde a esquerda se practiquen políticas de dereitas, como sucede co Goberno autoproclamado  máis progresista da historia, “pero que incumpre os compromisos da investidura e aí segue a Lei mordaza, as contrarreformas laborais, unha  reforma fiscal xusta ou aceptar a realidade plurinacional”. Cando isto pasa, subliñou, “estase aboando o terreo para o avance da dereita e da extrema dereita”.

Unha extrema dereita coa que o PP de  Feixóo comparte propostas e programa. “Se lle quitas o punto macarra de VOX e vas ás políticas concretas, aquí temos en Feixóo un precursor: financia organizacións que están en contra do dereito das mulleres ao aborto, implanta o pin parental lingüístico, financia centros educativos que segregan por sexos e goberna para os grandes intereses económicos. Se quitas o ton macarra, insisto, aquí o PP comparte discurso coa extrema dereita porque ao fin esta non deixa de ser unha escisión”.

Nacionalismo, motor de cambio a favor das maiorías

O nacionalismo de esquerdas indicou Pontón, é motor de cambio a favor das maiorías sociais, “pero non podemos falar de dereitos en abstracto, senón tamén ter alternativas que aporten solucións no concreto, e hoxe a cuestión que sigue sobre a mesa como asunto urxente que resolver que é como darlle un emprego digno á xente que vive na Galiza, en Catalunya, en Madrid ou en calquera lugar do planeta”, indico, “unha prioridade que hai que atender.

Pese a que o centralismo  tamén afecta ao ámbito mediático, non logra silencia que Galiza lidera debates como a loita contra “os pozos negros do Franquismo”, cunha sentenza histórica no caso do Pazo de Meirás.

“Desde as diferencias de cada forza política e de cada nación, hai moitas cuestións que unen a Galiza, Catalunya e Euskadi e temos o reto, no que queda de lexislatura, de que se logren aquelas demandas que puxemos na investidura  como a derrogación da Lei mordaza, das contrarreformas laborais ou camiñar cara unha realidade plurinacional que como forzas nacionalistas representamos”.

“Colaborar vai ser bo para Galiza e para o conxunto do Estado, porque os debates que están propoñendo os nacionalismos galego, catalán e vasco, -coas súas particularidades-, representa unha alternativa social fronte a forzas estatais moi apegados aos poderes fácticos e moi desapegados da realidade da xente do común”, concluíu Pontón un debate moderado polo politólogo galego-catalán, Silvio Falcón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG