A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón felicitou a todo o pobo catalán e forzas soberanistas que “revalidaron a maioría absoluta”, nunhas circunstancias excepcionais e baixo “presión de todo o Estado, poder xudicial e grupos mediáticos contrarios a esta alternativa”. A mairoría soberanista acadada onte en Catalunya, constata a vontade do pobo catalán, remarcou.
Para a líder do BNG, “o grande derrotado nestas eleccións é Mariano Rajoy e o artigo 155”. A derrota sen paliativos do Partido popular, redundou Pontón, “convertida nunha forza marxinal”, deixa unha mensaxe clara: “Os cidadáns de Catalunya non apoian a vía represiva nin as políticas de Rajoy.” Por outra parte, engadiu, estas eleccións evidencian que a solución só pode vir da política e estamos ante un debate político no que miles de cidadáns reclaman dereitos e liberdades. A alternativa á política non pasa “polos porrazos, a represión policial ou utilizar de maneira abusiva o poder xudicial”. Estamos nun estado plurinacional onde as nacións sen estado reclamamos un novo marco e o Partido popular non pode continuar “enrocado no seu inmobilismo” coa intención de seguir mantendo a visión do Réxime do 78, “un réxime esgotado”.
O pobo de Catalunya, insistiu, “deunos onte unha lección de dignidade, é de un pobo maduro que desexa dirimir, de forma democrática, as súas diferencias e debates políticos”. No BNG agardamos unha lectura dende o Estado do que está pasando e que non se enroque en seguir con “máis represión, xudicialización da vida política e empeorando a situación política actual”. O pobo catalán falou con clareza, “derrotou ao Partido popular e ao 155”, e o bloque soberanista conta cunha maioría clara na que máis de dous millóns de persoas queren defender o seu futuro”.
Campaña do BNG en Vigo para apoiar o pequeno e mediano comercio
Ana Pontón participou hoxe no acto reivindicativo de apoio ao pequeno comercio en Vigo onde avanzou que o BNG presentará mocións no Parlamento galego e concellos da área da cidade olívica para crear o plan sectorial do comercio e unha moratoria ás grandes superficies comercias co fin de protexer o comercio local.
Pontón lembrou que estamos nunhas datas de grande consumo e o comercio de proximidade é un grande dinamizador nas cidades, “crea emprego e da vida aos barrios” polo que fixo un chamamento a todos os galegos e galegas a “consumir produtos do país pola súa calidade e porque é unha aposta polo noso”.
Pontón denuncia a importación a Vigo dun modelo de grandes áreas comerciais, “fracasado” en A Coruña
A portavoz do BNG, acompañada do responsable local, Serafín Otero, militantes e simpatizantes tamén se referiu á grande preocupación das asociacións de comerciantes, “a saturación de áreas comercias”. Sobre esta cuestión, lembrou o macroproxecto de Porto Cabral que implicaría a destrución de máis de 6.000 postos de traballo en Vigo e a importación do “modelo fracasado” da Coruña baseado nas grandes áreas comercias. Unha cidade como Vigo conta cun gran potencial no pequeno e mediano comercio, un sector que xera emprego de calidade e dinamiza os barrios e crea riqueza. “As grandes superficies comerciais benefician aos grandes capitais, crea emprego en precario e destrúe os barrios”, concluíu.