xerais 2023

Ana Pontón destacou ante o empresariado de Vigo a importancia dun grupo galego forte que faga valer Galiza ante o Estado

Círculo de Empresarios
Círculo de Empresarios

O reto do BNG este 23 de xullo é empoderar Galiza en Madrid e acabar coa discriminación que as forzas estatais exercen con este País

Encontro no Círculo de empresarios xunto coa candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o convite do Círculo de empresarios de Galiza en Vigo para trasladar ante un diverso grupo de representantes dos sectores económicos a importancia que ten para o tecido produtivo galego contar cun grupo galego forte no Congreso da man do BNG, un grupo capaz que faga valer os intereses galegos ante o Goberno do Estado.

“Escoitamos moitas veces eloxiar o ben que negocian vascos e cataláns, e non se trata de que sexan máis hábiles pero o que si teñen son forzas nacionalistas con grupos parlamentarios propios no Congreso que fan valer os intereses dos seus territorios utilizando a súa capacidade de condicionar os debates. Ese é un elemento clave, unha cuestión estratéxica que este 23 de xullo temos a oportunidade de darlle a Galiza”, explicou en relación á próxima cita coas urnas.

Unhas eleccións nas que, subliñou, “Galiza xógase moito” porque é urxente “cambiar o guión da discriminación das forzas estatais cun grupo galego forte da man do BNG que faga que este País conte na axenda do Estado”, en asuntos tan cardinais como os sectores produtivos, ás infraestruturas ou o modelo enerxético. Para conseguilo, recalcou, o Bloque afronta este proceso electoral “con toda a ilusión e convicción convocando á cidadanía a empoderar Galiza en Madrid da man do BNG, garantía da defensa dunha axenda galega ante o Executivo central”.

Pontón aproveitou para explicar ao empresariado as liñas estratéxicas do proxecto de País que ten a formación que lidera, fronte a un Goberno do PP “sen ambición e sen proxecto, esgotado e sen impulso que leva catorce anos poñendo por diante os seus intereses partidistas, que pensa Galiza en pequeno, xusto cando máis se precisa pensar Galiza en grande.

Liñas estratéxicas que pasan en primeiro lugar por poñer Galiza a producir, por ganar peso político incrementando o autogoberno; por apostar pola ciencia e o coñecemento como clave para unha economía de futuro e que pasa tamén por poñer a riqueza e os recursos a favor do propio País, empezando pola riqueza electrica.

O primeiro obxectivo clave é poñer Galiza a producir, revitalizar os sectores clásicos da pesca e agrogandeiro e apostar por un tecido industrial de PEMES nos sectores estratéxicos, como automoción, naval, robótica, forestal, agro-industria, quimico-farmaceutico; cun Plan para o fomento da actividade tecnolóxica e industrial para elevar o peso da industria até o 25% PIB en 2030.

O segundo obxectivo estratéxico: A ciencia, o coñecemento e a investigación. “Galiza destina a I+D+i a metade que a media da Unión Europea e o BNG quere situar a este País na vangarda da ciencia e da investigación cun Pacto galego pola ciencia e coa creación do INNOGAL, fixando como horizonte acadar un investimento equivalente ao 2,5% do PIB, que nos achegue á media europea”, explicou.

Como terceiro obxectivo, un modelo enerxético a favor de Galiza que preserve o territorio e o medio ambiente, desde a xestión pública e favorecendo a creación de emprego e riqueza aquí, evitando unha fuga de riqueza cara unha presa de multinacionais do lobby eléctrico.

Catorce anos sen novas competencias

Estratéxico tamén é o obxectivo de avanzar en autogoberno político e financeiro, empezando por poñer fin a catorce anos de seca do PP en transferencia de competencias. “Para avanzar hai que gañar peso político e máis capacidade para decidir sobre o noso, porque a experiencia demostra que cando deciden por nós, deciden en contra de nós”, alegou Pontón. Neste sentido, indicou, o BNG demandará un paquete de 35 novas competencias no Parlamento.

Como quinto obxectivo estratéxico, as infraestruturas, empezando pola xestión da AP-9, eixo vertebral nun País e exemplo de como un deputado do Bloque “foi máis útil para Galiza” que os 23 restantes das forzas estatais, conseguido unha rebaixa histórica das peaxes da que se benefician 20.000 galegos e galegas cada día.

Nesta materia tamén subliñou a importancia do ferrocarril como transporte de presente e de futuro, tanto para pasaxeiros como por mercadorías; a urxencia de facer competitivos os aeroportos e portos así como impulsar o papel do Porto de Vigo como gran motor económico e o Corredor Atlántico de transporte de mercadorías.

Finalmente, nun foro ao que tamén asistiu a cabeza de lista por Pontevedra ao Congreso,  Carme da Silva, Pontón destacou a importancia de fortalecer as relacións con Portugal, tanto desde o punto de vista económico, das infraestruturas como no ámbito cultural. “A Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal suma tres millóns de habitantes, máis que algúns países da UE, e hai que aproveitar todo ese potencial, por iso propoñemos unha delegación permanente en Lisboa”, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG