Ana Pontón destaca que o BNG celebra o seu 40 aniversario con máis forza que nunca e preparado para liderar Galiza

Presentación documental
Presentación documental

Abre os actos de conmemoración agradecendo o traballo da militancia, “porque grazas a todas e cada unha desas persoas, hoxe estamos aquí dispostas a abrir un tempo novo neste País”

“Con humildade, pero con orgullo, podemos dicir que Galiza gañou co BNG”, proclamou na estrea do documental que recolle a súa fundación

O BNG arrancou a celebración do 40 aniversario da súa constitución coa estrea dun documental que recolle, precisamente, o momento da súa fundación o 25 de setembro de 1982 no frontón de Riazor, na voz das persoas que protagonizaron ese día histórico para o nacionalismo galego.

A portavoz nacional, Ana Pontón, abriu o acto no Teatro Principal de Santiago,  con palabras de recoñecemento “a toda a militancia e simpatizantes do BNG ao longo destes 40 anos, porque grazas a todas e cada unha desas persoas hoxe estamos aquí, con máis forza que nunca e dispostos a liderar o cambio político que Galiza necesita. Sen eles, sen elas, o BNG non sería hoxe esa forza transformadora na que cada vez confían máis galegos e galegas para abrir un tempo novo neste País”, proclamou.

Pontón subliñou que o documental aborda un momento histórico tanto para o nacionalismo como para Galiza: o da fundación dunha organización política plural,  aberta que tiña como punto de unión a defensa de Galiza e do seu dereito a decidir, que buscaba a unidade do nacionalismo, tiña a auto-organización como principio e a defensa dos dereitos nacionais de Galiza.

“O BNG nacía para aglutinar o nacionalismo de base que actuaba en todos os ámbitos: no social, no sindical, no rural, no cultural, no ensino, no feminismo ou no ecoloxismo”, subliñou Pontón, “e corenta anos despois podemos dicir, con humildade pero con orgullo, que Galiza gañou co BNG, que moitos dos pasos adiante e  dos avances destas últimas catro décadas se lograron grazas ao empuxe do BNG, man a man cos sectores máis dinámicos, innovadores e inconformistas da sociedade galega”.

A líder nacionalista salientou que durante todo este tempo “tivemos acertos e erros, e aprendemos deles, pero hai algo no que nunca nos equivocamos, saber de que lado estábamos, sempre do lado de Galiza, sempre na confianza no País e sempre na convicción de que non virá de fóra remedio ou esperanza, porque a esperanza é Galiza”, proclamou.

O BNG, -destacou-, “como hai corenta anos en Riazor, está aberto e coa man tendida a toda a cidadanía que quere construír unha Galiza con futuro, con igualdade e con poder de decisión”.

Pontón amosou o orgullo de compartir organización cunha militancia honesta, digna e xenerosa que iniciou a súa andaina no frontón de Riazor, un BNG que foi desde o inicio unha forza transformadora a favor do País. “Ningunha loita a favor de Galiza,  a favor das liberdades e da xustiza social nos foi allea”, recalcou.

Presentación documental
Presentación documental

Cidadanía organizada

Nun momento en que a política e as organizacións políticas están tan desacreditadas, -destacou Pontón-, este documental envía unha mensaxe clara, “que a ferramenta que ten a xente do común para cambiar as cousas é a política, e que para poñer en marcha cambios transformadores necesitamos organizacións fortes,  cidadanía organizada capaz de facerlle fronte a eses poderes escuros que queren gobernar sen pasar polas urnas para que nada cambie”.

A portavoz nacional do Bloque tivo un recoñecemento especial para as persoas que participan no documental citando expresamente, por orde de aparición, a Alfredo Suárez Canal, Pilar García Negro, Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez, Lois Diéguez, María do Carme García Negro, Xoán Carmona, Néstor Rego, Encarna Otero, Pilar Allegue e Mario López Rico e Saleta Goi, “a quen tristemente acabamos de despedir foi exemplo de coraxe, de rebeldía, de amor e dun compromiso inquebrantábel con Galiza e co BNG”.  

Fundación Galiza Sempre

No acto no Teatro Principal, o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, destacou que o documental resume trece horas de gravación e explicou que as persoas que interveñen foron convidadas por ter estado na asemblea fundacional de Riazor, por ter xogado un papel relevante na dirección de aquel proceso. “Tamén se buscou a  pluralidade ideolóxica e organizativa que se daba naquel momento histórico, no nacionalismo galego e coidando tamén a paridade de xénero e o equilibrio territorial na participación”, indicou.

Goretti Sanmartín, como portavoz municipal en Santiago, trasladou os parabéns “a todas as persoas que aquí estades, de maneira especial para as protagonistas, como referentes ou como persoas anónimas, dos momentos vividos naqueles anos e da presenza no Frontón de Riazor”. Destacou que, corenta anos despois, “aquí estamos, nun momento en que o BNG é referente político, a nivel institucional e social, nun momento en que estamos preparadas e preparados para dar un gran salto e gobernar nós a nosa Terra”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG