A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta mañá Oroso para manter un encontro con membros da comunidade educativa e traballadores e traballadoras do ámbito social e coñecer de primeira man o programa Escola de vida, impulsado pola concelleira do BNG Isabel Fernández.
Trátase dun programa que fai unha aproximación integral ao problema do fracaso escolar co obxectivo de que ningún neno ou nena, mozo ou moza poñan en perigo a súa formación debido a esta cuestión, aportándolle as ferramentas materiais e emocionais que lle poidan axudar a superar ese fracaso.
Escola de vida conta con servizo de psicoloxía para darlle, tanto aos estudantes como ás súas familias, instrumentos e habilidades para afrontar unha situación que pode ter moitas variantes, xa que o fracaso escolar habitualmente é unha manifestación externa de problemas ou doenzas máis profundas e internas.
No Día internacional contra o acoso escolar, a líder do BNG indicou que “é necesario que haxa máis medios e máis recursos para loitar contra este tema que, en numerosas ocasións, vai da man de problemas de fracaso escolar e de saúde mental”.
“Para nós este servizo de soporte é unha cuestión fundamental, non só porque acabamos de saír dunha pandemia que puxo máis en evidencia os problemas que hai no ámbito da saúde mental, senón que tamén temos en Galiza datos moi preocupantes”, declarou Pontón. “Na actualidade o 30% das que consultas dos centros de saúde están relacionadas coa saúde mental, Galiza encabeza a lista de comunidades autónomas en consumo de psicofármacos e estamos tamén en cifras moi elevadas de suicidios, por riba da media estatal e europea” advertiu a portavoz nacional.
Pontón quixo poñer foco na necesidade e importancia de poñer en marcha este tipo de iniciativas por parte dos concellos, pero alertou de que “non van suplir as necesidades e as carencias que hai se o actual Goberno do PP na Xunta non dota de máis medios e máis recursos todo o relacionado coa saúde mental”. “É evidente que programas como Escola de vida son un camiño do que o Partido Popular pode tomar nota”, manifestou.
O apoio do BNG ao comercio local e de proximidade
Un dos sinais de identidade do BNG nos concellos onde goberna é a aposta clara e decidida polo comercio local e de proximidade. O comercio local non só aporta riqueza e emprego, tamén revitaliza os barrios de vilas e cidades e favorece o seu dinamismo económico e social.
“Pese a ser un sector moi importante, o Goberno do PP non está á altura porque tras as dificultades do comercio local nestes anos de pandemia e agora coa crise de prezos, os orzamentos de 2023 do PP recollen 10 millóns de euros menos que os que había nas contas de 2009”, denunciou Pontón.
Fronte a isto, a portavoz nacional, presentou esta mañá en Arteixo varias propostas do BNG para o apoio do comercio local e de proximidade.
A primeira baséase nunha Lei de comercio que recolla a realidade do sector en Galiza, que regule horarios e tempadas de rebaixas, “porque a lexislación liberal do PP está feita á medida da grandes superficies”. A segunda delas pasa por un Plan integral de promoción do comercio local, elaborado previa diagnose da situación e en colaboración co sector. A terceira e a cuarta medida abordan unha moratoria para a instalación de grandes superficies comerciais e a promoción unha plataforma galega de venta online que permita adaptarse a nova tendencia de compra, pero sen someterse ás regras de grandes multinacionais. Finalmente, a quinta proposta, céntrase no fomento do asociacionismo no sector e na posta en marcha de campañas de promoción, apoio e modernización.
“Dende o BNG tamén consideramos que é necesario mellorar a calidade do emprego e estudar co sector medias que favorezan o relevo xeracional”, concluíu.