Ana Pontón defende na Cámara de Comercio de Santiago un novo modelo enerxético, mellorar as infraestruturas e un concerto económico co Estado

Cámara de Comercio de Santiago de Compostela
Cámara de Comercio de Santiago de Compostela
Considera fundamental a estación ferroviaria de mercadorías da Sionlla para dar servizo aos polígonos empresariais e industriais de Santiago

A portavoz nacional, Ana Pontón, compartiu cos empresarios e empresarias da Cámara de Comercio de Santiago as alternativas do BNG para afrontar os grandes retos que Galiza ten por diante e nos que o tecido empresarial xoga un papel clave dado que, afirmou, “un país non se entende sen as súas empresas”.

“Sodes un motor imprescindible na xeración de riqueza e na creación de emprego”, recalcou na apertura da primeira asemblea do ano da Cámara compostelá, nun acto no que tamén participou a alcaldesa Goretti Sanmartín e ao que tamén asistiron a deputada Iria Carreira e o deputado Daniel Pérez.     

Nun contexto internacional marcado pola incerteza, con cambios xeopolíticos de calado que afectan de cheo ao tecido empresarial galego, Pontón advertiu que Galiza non pode seguir quedando atrás cunha perda continuada de poboación, as xeracións mellor formadas na emigración, unha crise industrial perpetua, o peche de empresas ou a perda de galeguidade de grandes referencias industriais que están sendo absorbidas por capital foráneo.

Poñer Galiza a producir e apostar pola I+D+i

Por iso, considerou urxente darlle a volta a esta situación cun “proxecto de país” como o que ten o BNG e do que debullou os seus principais obxectivos estratéxicos, a comezar “por poñer Galiza a producir” cun plan de acción que inclúe a creación dun Instituto Galego de Crédito para frear a marcha e o peche de empresas e impulsar novos proxectos. “O noso aforro emigra mentres aquí as pemes teñen dificultades para recibir créditos en boas condicións e non é razoable que iso pase”, afondou.

A líder nacionalista tamén defendeu a posta en marcha dun Plan para o Fomento da Actividade Tecnolóxica e Industrial, co obxectivo de elevar o peso da industria até o 25% do PIB no horizonte de 2030, desenvolvendo un tecido de pemes en sectores estratéxicos como o da automoción, o naval, a robótica, o forestal, o químico-farmacéutico ou o da agroindustria.

Neste sentido, considerou preciso facer un especial esforzo no rural, que ocupa o 90% do territorio e concentra o 40% da poboación, para acadar un “rural vivo, produtivo e habitado”, tal e como acontece nos países avanzados.

Como segundo obxectivo estratéxico, Pontón sinalou a aposta clara e decidida do BNG pola ciencia e a investigación, máis tendo en conta que Galiza destina a I+D+i a metade que a media da Unión Europea, polo que avogou por desenvolver un gran Pacto galego pola Ciencia, dotado de estratexia e recursos que permita acadar un investimento equivalente ao 2,5% do PIB para achegarnos á media europea.

Neste ámbito, tamén defendeu a creación do INNOGAL, organismo similar ao IkerBasque vasco e ao ICrea catalán, que permita captar e reter talento e darlle estabilidade ás e aos profesionais que investigan. “Non queremos competir con salarios baixos e precariedade, senón desde o coñecemento, a innovación e a investigación”, sintetizou.

A enerxía, ao servizo de empresas e familias e non das eléctricas

A posta en marcha dun novo modelo enerxético, máis xusto e sustentable, é o terceiro obxectivo estratéxico do Bloque. Un novo modelo, explicou a portavoz nacional, que compense a Galiza polos custes ambientais e sociais de ser un país produtor de enerxía e que permita abaratar a factura enerxética de empresas e familias.

Para iso, defendeu a creación dunha empresa de enerxía 100% pública e dunha tarifa eléctrica galega, apostando deste xeito por poñer o vento e os recursos naturais do País ao servizo das pemes e da clase traballadora e non ao das eléctricas, que acadan beneficios multimillonarios sen que Galiza obteña retorno da súa riqueza enerxética.

“A transición enerxética ten que ser xusta e democrática; non imos aceptar que desde Madrid, coa complicidade do Goberno do PP, se nos impoña un espolio eólico por terra e por mar, para lucro das eléctricas que supón beneficios millonarios para unha presa de multinacionais e apenas migallas para Galiza”, subliñou.

Ter a chave dos nosos cartos

A líder nacionalista avogou en cuarto lugar por impulsar un novo status político para Galiza cun modelo de financiamento que lle dea aos galegos e ás galegas a chave dos seus cartos, como xa teñen Euskadi e Navarra e pronto terá Catalunya. “Defendemos o concerto económico para poder ter desde aquí a xestión do 100% dos nosos recursos”, afondou para recordar a continuación que Galiza está agora infrafinanciada por un sistema inxusto co que perdeu 14.000 millóns de euros desde 2009, segundo o Consello de Contas.

Un concerto económico ao que sumou tamén a necesidade de obter máis autogoberno, empezando por acadar todas as competencias pendentes, dado que en 15 anos Galiza só conseguiu unha nova transferencia, fronte ás 26 de Euskadi, exemplificou.

A mellora das infraestruturas é outro dos grandes obxectivos estratéxicos sinalados por Pontón, quen apuntou á necesaria transferencia da AP53 e a AP-9, se ben sobre esta última indicou que, pese aos históricos descontos nas peaxes obtidos polo Bloque no acordo de investidura, o obxectivo final é acadar unha autoestrada galega e libre de peaxes.

Infraestruturas clave para Santiago

Ademais, considerou preciso darlle competitividade a portos e aeroportos, aproveitando a chegada do AVE, pero potenciando tamén o tren de proximidade e, neste sentido, sinalou á estación ferroviaria de mercadorías da Sionlla como unha infraestrutura clave para os polígonos empresariais e industriais da cidade, polo que reclamou a implicación dun Goberno central que ignora esta infraestrutura pero si está a impulsar outras similares noutros territorios.

“Unha vez máis, as prioridades está noutras partes do Estado, unha vez máis o corredor de mercadorías que avanza é o do Mediterráneo, mentres Galiza queda atrás”, criticou, para recordar a continuación que isto é algo que “leva pasando historicamente con gobernos do PP e do PSOE”, cunha alta velocidade que chegou 30 anos tarde e de xeito incompleto e “seguen colocándonos na lista de espera tamén agora -afirmou- coas autoestradas ferroviarias de mercadorías”.   

No caso concreto de Santiago, tamén apelou á urxencia de rematar dunha vez por todas a A54, para poder seguir avanzando na mellora da mobilidade, coa vista posta na posta en marcha dun gran nó loxístico e na ampliación de solo industrial con novos polígonos na zona norte da cidade, previstos polo goberno municipal que lidera Goretti Sanmartín.

Intensificar as relacións con Portugal e reforzar os servizos públicos

Pontón apuntou, por último, dous obxectivos estratéxicos máis para o BNG: por unha banda, o fortalecemento da relación con Portugal e, por outra, o reforzo dos servizos públicos. Sobre o primeiro, considerou necesario aproveitar todo o potencial da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, que suma tres millóns de habitantes, dándolle un trato prioritario ás relacións co país veciño tanto desde o punto de vista económico, como social e cultural e, neste sentido, avogou por impulsar as infraestruturas ferroviarias, sobre todo o corredor atlántico de mercadorías.

Sobre o segundo, a portavoz nacional recalcou que unha Galiza de futuro pasa por servizos públicos fortes que permitan prestar os coidados que precisan as persoas, sexa cal sexa a súa idade e a súa condición económica, o que exemplificou na clara aposta do BNG por unha Atención Primaria con suficiencia financeira, os profesionais que precisa e novas especialidades, prestando especial atención á saúde mental, que hoxe en día ofrece datos tremendos. “Hai que tomar medidas urxentes porque o futuro dun País pasa polo benestar da súa cidadanía”, concluíu.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG