A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na manifestación en Burela en defensa da sanidade pública, contra as cordas tras trece anos de recortes e privatizacións do PP.
“Estamos vendo as gravísimas consecuencias que tamén se deixan sentir na Mariña: faltan médicos e médicas, medran as listas de espera, deterioro de atención primaria e tamén os recortes que se deixan notar no Hospital da Costa despois de que o Goberno do PP decidira suprimir a área sanitaria da Mariña”, explicou.
Supresión que trouxo consigo menos recursos, “e iso é que está sufrindo agora a cidadanía da Mariña, cun hospital que podería estar funcionando ao 100% pero que, en moitos casos, obriga ás persoas doentes a desprazarse até a Lugo para recibir atención sanitaria, co que iso implica en termos económicos, en molestias para as persoas ás que lle afasta do seu lugar de residencia prestación dun servizo que é básico”, argumentou.
Para a líder o BNG, “é un síntoma máis de até onde nos conduce o Partido Popular, que ten un programa moi claro: desmantelar o público para beneficiar o negocio privado, e volve demostralo estes días cando, en lugar de ir ao fondo do problema, pon parches como que médicos e médicas que non remataron a súa formación atendan ás persoas nos PACs. Todo isto é unha chapuza monumental, unha enorme chapuza que, lamentablemente, está pagando a cidadanía”.
“Desde o BNG o que dicimos ao PP e o que lle está dicindo a veciñanza da Mariña é que xa está ben de recortes e que se poña a traballar para dotar a sanidade pública dos medios que precisa, porque hoxe o PP está convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas e non podemos permitir”, criticou.
Pontón insistía así na mensaxe que xa enviaba horas antes desde Muras. “Levamos trece anos de recortes, privatizacións, con precariedade no persoal médico e colocando á sanidade pública na situación límite que ten neste momento”, denunciou. A líder nacionalista pide ao Goberno do PP “que deixe de lado as ocorrencias e poña solucións á gravísima situación da sanidade pública”, reiterou, ao tempo que recalcaba o compromiso do BNG na defensa do dereito a saúde dos e das galegas.
“Quero enviar unha mensaxe clara a cidadanía: no BNG imos seguir defendendo a sanidade pública porque é unha das grandes conquistas sociais e non imos permitir que haxa nin un só paso atrás”, proclamou. “Fronte a un Partido Popular empeñado no deterioro da sanidade e convertido nun perigo para a saúde dos e das galegas, o BNG ten como prioridade defender uns servizos públicos de calidade para mellorar a vida das persoas”, recalcou.
A líder do Bloque insistiu en que si hai alternativa para darlle a volta a situación de colapso de atención primaria, empezando por un plan de choque de 200 millóns de euros, dotar os centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía clínica, e un plan ambicioso e con investimentos para reducir as listas de espera.