Galegas 2024

Ana Pontón: «Quen queira cambio que me siga e faremos historia cunha presidenta!»

Acto A Coruña
Acto A Coruña

Asegura que o cambio é imparable porque cada día hai máis xente farta de que Galiza perda: “É o momento de que o País gañe cun goberno do BNG”

Comprométese a liderar un executivo “sen favoritismos nin clientelismos” e  denuncia que na Coruña o único legado do PP tras 15 anos é unha pasarela

A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, pechou xornada de campaña cun mitin na Coruña onde, como xa fixera fai catro anos, rememorou o quen teña honra que me siga de María Pita para apelar a mobilización polo cambio enchendo as urnas de votos BNG o 18 de febreiro.

“Noto como cada día que pasa as ansias de cambio medran máis e máis, noto a emoción da xente nos actos, nos mitins, nas redes sociais, na rúa, como cada día son máis os galegos e as galegas que miran para o BNG con ilusión, con esperanza de abrir un tempo novo. A todas esas persoas dígolles aquí, na cidade de María Pita: quen queira cambio que me siga e faremos historia cunha muller presidenta!, proclamou.

Pontón fixo un chamamento á participación de todos os galegos e galegas que queren deixar atrás quince anos de decadencia e retroceso, pedíndolles que, independentemente do que votaran en anteriores eleccións, este domingo collan a papeleta do BNG, a forza capaz de derrotar ao PP, subliñou nun mitin no que tamén participou a candidata pola Coruña, Mercedes Queixas.  

“Cada día que pasa é máis evidente que o 18 de febreiro só hai dúas alternativas: ou un goberno do PP con Alfonso Rueda de presidente, ou un goberno liderado polo BNG con Ana Pontón como presidenta”, asegurou, contrapoñendo a proxecto de País co que se presenta o Bloque á “Galiza pequena e gris” que deixa o PP, que xa demostrou que “non ten nin proxecto,  nin ideas nin ilusión” e, pola contra, se ten convertido nunha “rémora” para o País. Un PP que, engadiu, cada día está máis nervioso porque ve como o BNG suma cada día máis apoios: “Eu véxoos enfadados, preocupados e moi nerviosos, tanto que creo que na sede do PP xa apertaron o botón do pánico”, ironizou.

Acto A Coruña
Acto A Coruña

Ante as posibilidades de reais de cambio, Pontón dirixiuse “a todas esas persoas que aínda dubidan” para dicirlles que “non é o momento de baixar os brazos, senón de levantarse con orgullo o día 18 unindo todo o voto do cambio no BNG”, asegurou, para a continuación insistir en que estamos “nun deses momentos en que a historia pódese tocar coas mans”. De aí a súa chamada a todas as persoas indecisas a non deixar pasar a oportunidade de “espertar o día 19 coa ilusión de saber que foi parte protagonista do cambio”. “Ningún voto do cambio pode quedar na casa”, subliñou.

A candidata nacionalista advertiu que “se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferente”, e por iso “este é o momento de facer historia e ter por primeira vez a unha muller presidenta que poña en marcha esa Galiza que quereremos e merecemos”. Unha presidenta, engadiu, coas mans libres e que sabe ben a quen se debe: “A min só me van dar ordes os galegos e as galegas”.

“Quero ser a presidenta dos galegos e das galegas para defender a sanidade pública, para poñer en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida  nas súa casa; para darlle oportunidades á xente nova para que teña futuro aquí e non se vexa na obriga de emigrar e para seguir construíndo unha Galiza que aposte pola igualdade e polo feminismo”, asegurou.

Nesta recta final de campaña, Pontón comprometeuse a poñer en marcha o mellor goberno da historia do País, coas persoas “máis capaces, ilusionadas e dispostas a facer avanzar o País”, avanzando os principios que guiarán tanto o exercicio da Presidencia como do propio executivo se os galegos e as galegas lle dan a confianza necesaria o próximo domingo.

Da propaganda aos feitos

Subliñou, neste sentido, a súa vontade de exercer a Presidencia sen prometer imposibles, “para deixar atrás o tempo das promesas e da propaganda e dar paso ao tempo dos feitos e dos compromisos cumpridos”, dando solucións aos problemas que preocupan á maioría, como sanidade, educación, o coidado dos maiores, a vivenda ou o emprego de calidade para chegar a fin de mes.

O goberno liderado polo BNG actuará coa máxima xustiza e equidade coa cidadanía e erradicará “calquera tipo de favoritismo e de clientelismo”. “Acabouse gobernar a favor dunha minoría ou dun grupo de presión”, destacou, para avanzar que este será o fin das portas xiratorias.  “Como presidenta a cidadanía deste País pode ter a tranquilidade de que o interese público sempre estará por riba do interese particular”, garantiu.

Precisamente dende estes principios de xustiza e equidade no exercicio de goberno, Pontón afirmou que A Coruña merece un Executivo que lle dea un trato xusto e que trate aos coruñeses e ás coruñesas con respecto e igualdade porque, segundo denunciou, a gran aportación do PP en quince anos para a cidade foi unha pasarela. “Quince anos, 167.000 millóns de euros e o legado do Partido Popular na Xunta con esta cidade é unha pasarela”, incidiu.

Nunha cidade que ten os alugueres máis caros de toda Galiza e na que acceder a un piso é misión imposible, sobre todo para a mocidade, a candidata nacionalista comprometeuse a facer da vivenda unha das súas prioridades de goberno, mobilizando vivenda baleira para poñela en aluguer a prezos taxados que os coruñeses e as coruñesas poidan pagar.

Logo de confrontar este modelo co dun PP que “dinamitou” a política social de vivenda, avanzou que un goberno BNG atenderá a petición do concello para declarar A Coruña zona tensionada porque, subliñou, “temos que garantir o dereito a unha vivenda digna”. 

Pontón reafirmou así o seu compromiso de presidir un goberno que poña as persoas no centro, o que, segundo afirmou, pasa tamén por reforzar os servizos públicos, a comezar pola sanidade. “Temos que reforzar a Atención Primaria, dotar de máis medios ao ensino e poñer en marcha un novo modelo de coidados que lle permita ás persoas maiores desfrutar na casa desa etapa das súas vidas”, resumiu. En definitiva, “quero ser a presidenta que mellore a vida da xente”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG