A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, proseguiu a súa xira de precampaña cun acto aberto en Cedeira, onde aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das medidas para este concello e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir.
Pontón avanzou o seu compromiso de que un goberno do BNG “vai cumprir con Cedeira” que, segundo dixo, terá nela unha aliada para mellorar a vida da xente “empezando polo importante, por reforzar os servizos públicos”.
Neste sentido, adiantou que se consegue a confianza dos galegos e das galegas o 18F, atenderá a demanda de aumentar os ciclos formativos no IES Punta Candieira. Máis ciclos formativos para, segundo recalcou, darlle máis opcións á xente moza, máis opcións laborais para que a mocidade de Cedeira poida elixir e para ampliar as súas posibilidades de ter un emprego de calidade que lle permita emanciparse e poñer en marcha os seus proxectos de vida.
“Comigo como presidenta non ides ter que facer nin unha soa manifestación máis para conseguir esta demanda, porque é de xustiza”, afirmou para subliñar a continuación que Cedeira “vai ter en min unha presidenta que vos escoita e que cumpre”.
Consciente da importancia do sector pesqueiro e marisqueiro no concello e no conxunto da comarca, a líder nacionalista deu a súa palabra de que se é presidenta declarará a costa galega libre de eólica mariña porque, dixo, “suporía un golpe mortal para o sector pesqueiro e marisqueiro que non vou permitir”. “A xente do mar, por riba das eléctricas”, proclamou.
“Sempre, sempre, vou poñer á xente do mar por riba da rapina das eléctricas”, engadiu para remarcar o seu compromiso de que Galiza siga sendo unha nación pesqueira. Anunciou, neste sentido, que unha das súa primeiras decisión se os galegos e as galegas a elixen para liderar o Goberno do cambio será “quitar a cadeira que o lobby eléctrico ten no Consello da Xunta”
Concentrar o voto no BNG para gañar unha Galiza mellor
Pontón apelou en Cedeira a abrir un tempo novo no País a partir do 18 de febreiro mobilizando esa maioría social “que quere cambio” e concentrando todo ese voto no Bloque porque, segundo salientou, “somos a alternativa real e a única forza con capacidade para derrotar ao PP”.
A candidata nacionalista cualificou estas eleccións galegas como ás máis importantes dos últimos tempos, unha cita electoral na que, dixo, “só hai dúas alternativas”. Ou un Goberno do PP, co candidato Rueda, “que nos deixa unha Galiza peor e máis pequena” e que é capaz de mentirlle á cidadanía ante un desastre ambiental como o dos pellets plásticos; ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza mellor”.
Neste sentido, amosou o seu convencemento de que “hai partido” e afirmou que dende o Bloque “saímos a gañalo”. “Imos derrotar ao PP o 18 de febreiro porque hai unha maioría social que quere cambio e que ve no BNG a súa alternativa para conseguilo”, incidiu.
Pontón avanzou o País que aspira a construír como presidenta, unha Galiza produtiva no mar e na terra, cun goberno que defenda os intereses do sector do mar, impulse a industria e que aposte pola ciencia e pola innovación porque, segundo afondou, “queremos competir no mundo desde o coñecemento, non con salarios baixos e empregos precarios”. “Quero ser a próxima presidenta para poñer en marcha esta Galiza posible e está na nosa man facelo posible”, concluíu.