Galegas 2020

Ana Pontón compromete un modelo de residencias público capaz de garantir o dereito das persoas maiores a unha vellez digna

Presentación Ourense
Presentación Ourense

Avanza a construción de 7 residencias nas cidades 100% públicas que serán punta de lanza do sistema que o BNG quere para o país fronte ao lucro do modelo Feixóo

Acusa ao candidato do PP de neglixencia na xestión das residencias durante a pandemia, onde o 40% dos falecidos eran persoas usuaria dunha residencia

Ourense, capital dunha das provincias máis envellecidas do país, foi o escenario elixido pola portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, para explicar o modelo de coidado das persoas maiores que un goberno liderado polo BNG quere poñer en marcha a partido do 12 de xullo. En palabras da líder nacionalista, ese modelo ten como obxectivo clave garantir o dereito a unha vellez digna fronte e darlle a volta ao ao modelo privado e mercantilista impulsado polo Goberno do PP, que converteu a vellez nun negocio.

Feixóo fixo unha xestión neglixente e de abandono das persoas maiores durante a pandemia tanto aos residentes como ao persoal que os atendía, deu instrucións para que os máis graves non fosen trasladados, tardou días en atender as peticións de axuda por parte dos centros e 131 persoas maiores faleceron neses centros sen recibir atención sanitaria nun hospital, denunciou Pontón, ao que se suma o modelo privado impulsado polo Goberno do candidato popular, como demostran os datos: de 223 residencias, só 24 son de xestión pública.

“As consecuencias deste modelo e as consecuencias da xestión de Feixóo das residencias na pandemia están á vista e son dramáticas e de nada vale que pretende agochar os datos ou culpar a outros”, denunciou, en relación a que un colectivo de 20.000 persoas usuarias destes centros soportaron o 40% dos falecementos por COVID19.

Por contra, -explicou-, o modelo do BNG está nas antípodas, “e ten como base garantir o dereito das persoas maiores a unha vellez digna cunha aposta rotunda por un modelo de residencias públicas, tanto na xestión como na titularidade”. Neste sentido, subliñou, “o meu compromiso é a construción e posta en marcha de sete residencias públicas nas grandes cidades en catro anos, sete centros públicos, con cartos públicos, que serán a punta de lanza dun modelo de xestión pública para o coidado das persoas maiores no que se garanta o dereito a unha vellez digna. Basta de converter a vellez nun negocio lucrativo e pensado como negocio”.

Pontón lembrou que o candidato do PP non puxo en marcha nin unha soa praza de residencia pública en once anos de goberno, noutro exemplo de que a súa palabra “non vale nada”, criticou, facendo referencia aos anuncios incumpridos de Feixóo.

Ademais, dentro do modelo de residencias públicas que propón o BNG: cada centro estará vinculado a unha área sanitaria en caso de necesitar asistencia hospitalaria, contará co suficiente persoal por residente e contarán tamén cos centros de saúde para ter acceso a servizos sanitarios. “Un modelo para que nunca máis, nin ante unha pandemia, nin ante ningunha outra crise, se deixe de lado as persoas maiores”, recalcou.

E, tendo en conta que Galiza ten neste momento un sistema de coidados de maiores absolutamente privatizado, Pontón salientou que un goberno liderado polo BNG “será moi estrito á hora de vixiar que se cumpra o ratio de persoal por usuarias”.

Compromiso de liderar un goberno que acabe coa discriminación e faga valer Galiza

A líder do BNG aproveitou a presentación da candidatura por Ourense, que encabeza Noa Presas, para referirse tamén ao reparto dos 16.000 M€ do Estado tras a pandemia: “de novo vemos como Galiza é discriminada polo Goberno do Estado, antes co PP agora con PSOE-Podemos-, ante un Feixóo que volve demostrar a súa irrelevancia política en Madrid, non ten peso político e todo o que fai e laiarse, Galiza precisa un goberno forte e coas mans libres para defender os intereses do país, e iso só é posible baixo o liderado do BNG tras o 12X”, salientou Pontón.

Por iso, hai que abrir unha nova etapa que deixe atrás unha once anos de declive, pero tamén de submisión de Feixóo “aos intereses do seu partido, primeiro con Raxoi e agora con Casado, a costa dos intereses dos galegos e das galegas”, denunciou, “por iso, o meu compromiso é tamén o de acabar con tanta submisión, con tanta irrelevancia política para facernos valar como país defendendo o que é xusto para Galiza e o que lle pertence, como por exemplo no reparto dos fondos do Estado. Ese é o meu compromiso como candidata á Presidencia”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG