A portavoz nacional e do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón asegurou que a comparecencia de Feijóo para explicar a vaga dos lumes no Parlamento chega tarde pero agarda que sexa un primeiro paso para mudar as políticas contra incendios e o abandono do medio rural.
Trala xunta de Portavoces, Pontón criticou que a axenda do presidente lle permita recoller un premio ao Partido popular en Alcobendas e non dea a cara no Parlamento. A súa comparecencia debe ser un primeiro paso para explicar a xestión na vaga de lumes, unha xestión, dixo Pontón “improvisada, descordinada e incompetente”. A comparecencia do Presidente da Xunta debe servir para iniciar un proceso de cambio nas políticas de ordenación do territorio e abandono do medio rural, reiterou.
Feijóo ten que explicar porque enviou a casa a 500 traballadores de SEAGA e foron reducidas as franxas de protección e seguridade a vivendas e infraestruturas públicas. O presidente da Xunta debe responder porque oculta a “súa responsabilidade” nos recortes do dispositivo contra a extinción de incendios cando sabían que as condicións climáticas eran extremas e de máximo risco de incendios”.
Os galegos e galegas non merecen un presidente que minte e só preocupado de elaborar un “relato exculpa torio” do acontecido o 15 O. A nacionalista tamén responsabilizou aos medios públicos galegos de non informar a tempo da vaga de lumes polo que pediu o cese das dirección da TVG e RG. Os medios públicos galegos, reiterou, deben deixar de ser o “gabinete de prensa do Partido popular e de Núñez Feijóo”.
Neste pleno monográfico sobre incendios para analizar e avaliar a vaga de lumes, o BNG defenderá unha iniciativa destinada a crear unha comisión para estudar e investigar a xestión dos incendios, depurar responsabilidades políticas e corrixir as deficiencias dunha política responsable de converter o monte galego “nun polvorín”.
PONTÓN PIDE A EN MAREA E PSdG QUE NON SE CONFUNDAN DE ADVERSARIO
Sobre esta cuestión Pontón explicou que o BNG non pecha a porta a crear unha comisión de investigación se o Partido popular rexeita a de estudo e mostrou a súa perplexidade ao comprobar na Xunta de portavoces que os grupos de En Marea e PSdG rexistraron a iniciativa para creación da comisión de estudo. Estou moi sorprendida, dixo, porque levamos 15 días pedindo a comisión de estudo e hoxe sabemos que onte En Marea e PSdG rexistraron a proposta “sen falar con nós” cando fomos o único grupo que leva 15 días pedindo a súa creación.
Sobre este asunto, asegurou que o BNG sempre mostrou a súa disposición a traballar conxuntamente naquelas cuestións que afectan a Galiza polo pediu a En Marea e PSdG que “non se confundan de adversario”.
SITUACIÓN POLÍTICA EN CATALUNYA
Para a portavoz nacionalista, a resposta do Estado a Catalunya representa “unha involución democrática” que o BNG rexeita de maneira “contundente e firme” ao igual que a aplicación do artigo 155, artigo, afirmou, que non confire ao Estado a autoridade para cesar un parlamento e un goberno ou convocar eleccións. Isto, remarcou , dicímolo dende o BNG pero tamén o afirman recoñecidos xuristas que xa alertaron da “inconstitucionalidade da decisión”.
Este precedente, engadiu, é “moi perigoso para a democracia, o autogoberno e a defensa de dereitos e liberdades” e supón “un cheque en branco” ao Estado para poder anular decisións políticas e destituír gobernos elixidos democraticamente. “ O artigo 155 vai no camiño dun Estado centralizado e autoritario”. Esta dirección nunca trouxo nada bo, manifestou Pontón.
Ademais cualificou de “ contrasentido” que un fiscal reprobado polo Congreso por ocultar a corrupción do Partido popular sexa o que presenta unha querela contra un goberno e un parlamento elixido democraticamente nunhas eleccións. O proceder do fiscal responde a “unha decisión política do Partido popular” é “un disparate xurídico” e constitúe un “erro democrático”.
Pontón advertiu que as elección en Catlaunya non serán o final do proceso porque existe un debate de fondo que seguirá latexando sobre as nacións que reclaman o seu dereito a decidir e cuestionan o Réxime do 78. Un debate que non pode silenciarse pola vía represiva. Dende Galiza resulta evidente que o actual marco institucional non permite o desenvolvemento pleno dos dereitos, liberdade e potencial que temos como país polo que seguiremos reclamando “un novo status político de nación para Galiza” e nos cambios que se producirán no marco institucional, Galiza non pode ser “mera espectadora”.