Galegas 2024

Ana Pontón chama á mocidade inconformista a ser o 18F motor do cambio

Encontro mocidade
Encontro mocidade

Comprométese a ser a presidenta dun País en grande no que a xente nova poida ter futuro, con traballo e salarios dignos e no que ninguén estea obrigado a emigrar

“Non vale de nada quedarse na casa nin queixarse. O que vale é usar o poder do  voso voto para pelexar polo futuro”, asegurou nun encontro con mozos e mozas

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, apelou este sábado á mocidade a ser parte activa do cambio e a rebelarse nas urnas, da man  do BNG, para conseguir unha Galiza que lles dea máis oportunidades e na que podan desenvolver o seu proxecto de vida. “Non vale quedarse na casa, nin vale de nada queixarse. O que vale é usar o poder do voso voto para expresarse, para rebelarse, para pelexar e defender un futuro mellor”, advertiu.

Pontón mantivo en Santiago un encontro con xente moza no que tamén participaron, en representación da mocidade que vai nas listas do BNG, o candidato por Lugo Daniel Castro e as candidatas Alba López, pola Coruña, e Marta Gómez, por Pontevedra. Un encontro organizado por Galiza Nova que aproveitou para subliñar o papel protagonista que o vindeiro domingo terá “a mocidade inconformista que quere algo máis que a Galiza gris que nos deixan 15 anos do PP”.  

Encontro mocidade
Encontro mocidade

“O que está en xogo é seguir co de sempre, catro anos máis de PP con Rueda como presidente, o mesmo que fixo que 200.000 mozos e mozas tiveran que marchar porque o único que vos ofrecía era paro ou precariedade, ou un goberno cunha presidenta do BNG preparada para poñer en marcha unha Galiza en grande”, díxolles. 

“Quero ser a presidenta que poña en marcha unha Galiza que vos dea a oportunidade de facer realidade os vosos soños”, proclamou Pontón, apelando ao orgullo da mocidade á hora de reclamar o seu dereito a ter un futuro no propio País, con oportunidades para traballar e vivir aquí, para ter un traballo digno e un salario que lles permita chegar a fin de mes. “Ímonos deixar a pel para que este sexa un País onde non haxa que emigrar, o que queremos é que a xente poda regresar porque aquí ten oportunidades”, engadiu.

Dirixiuse a continuación á mocidade para pedirlle que se mobilice de maneira masiva acudindo ás urnas coa papeleta do BNG, para facer historia dando paso a un goberno que levante unha nova Galiza “cunha presidenta coas mans libres para defender un futuro mellor para a xente moza deste País”. Unha presidenta, dixo, que liderará “o mellor goberno da historia” para construír “unha Galiza máis verde, máis sustentable, máis feminista, máis inclusiva, máis igualitaria e con máis oportunidades de futuro” que reclama a xente nova.

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón erixiu ao BNG como a opción da mocidade que tamén desexa unha Galiza que loite contra o cambio climático e respecte o Planeta, a mesma que reclama que o acceso a unha vivenda digna “non sexa un sono, senón unha realidade”,  a que defende traballar con salarios decentes, porque “basta xa de que vos sobre tanto mes ao final do soldo”, apuntou.

Se os galegos e as galegas lle dan a oportunidade a partir do 18-F, a candidata nacionalista comprometeuse ante a mocidade a presidir un goberno que constrúa tamén unha “Galiza feminista, inclusiva, plural, na que cada quen poida ser o que queira e amar a quen queira amar” e non se deixe levar pola estratexia do PP, cunha “campaña de baixo perfil” convocada no Entroido para desmobilizar á xente nova.

“Estamos a sete días de facer historia. Sete días para facer realidade un soño de décadas de amor ao País e de confianza nas propias forzas”, subliñou para máis unha vez pedir á xente nova que participe “en masa”  nas “eleccións máis importantes e máis decisivas dos últimos quince anos”.

“Xogámonos moito máis que un goberno”

Destacou, na mesma liña, que estas eleccións son “un deses momentos en que nos xogamos moito máis que un goberno”, unha oportunidade para abrir un tempo novo coa primeira presidenta en 43 anos de autonomía, cun goberno que irá da man dos mozos e mozas nun País “que non os bote fóra senón que os abrace” . “Non vos vou fallar!”, proclamou.

O encontro organizado por Galiza Nova serviu tamén para expoñer as principais medidas que recolle o programa de goberno do BNG para a mocidade, entre as que destacan a posta en marcha dun Plan de emancipación da mocidade que ampliará as axudas destinadas ao pago do aluguer, incluíndo os pisos compartidos, ou unha liña de axudas para a mocidade que se despraza por razóns de estudo e non ten contrato laboral.

O programa nacionalista aposta pola mobilización de pisos baleiros para poñer en aluguer a prezos limitados e a creación dunha bolsa de vivenda para estudantes en colaboración coas universidades, en réxime de alugueiro, a prezos accesibles e con condicións de habitabilidade dignas.

A gratuidade das matrículas universitarias ou reclamar a transferencia das bolsas universitarias para aumentar a súa contía nun 15 % son tamén medidas do programa de do Bloque, que contempla así mesmo un novo plan de emprego xuvenil para rematar coa precariedade laboral, a temporalidade e a fenda salarial que sofre a mocidade.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG