Municipais 2023

Ana Pontón: “Carme Núñez representa a ilusión, a constancia e a firmeza para relanzar Tui sen límites”

Acto Tui
Acto Tui

O BNG propón revitalizar o sector turístico, favorecer o comercio local, unha xestión sustentable dos residuos e servizos públicos de calidade

“Queremos ser, porque temos as condicións para selo, un deses concellos referencia, un concello BNG”, indicou Carme Núñez

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación de Carme Núñez como candidata do BNG á Alcaldía de Tui á que definiu como “unha muller chea de constancia, de coherencia, de firmeza e sobre todo, dunha grande ilusión para relanzar o concello, sen cancelas e sen límites”.

A líder do Bloque lembrou que “Carme é ben coñecida no Baixo Miño por ser unha persoa alegre, moi traballadora, grande profesional e a voceira do único proxecto claro dentro da corporación: o do BNG”. Con respecto a isto, pediulle aos veciños e veciñas a súa confianza para poder facer de Tui un concello BNG “sinónimo de modernidade, de avance, de progreso e das solucións máis avanzadas”.

Os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, gobernos solventes e con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, ofrecendo sempre dinamismo económico, social e cultural nos concellos nos que goberna. En palabras da portavoz nacional, “temos dous exemplos extraordinarios da forza transformadora do BNG nesta comarca: en O Rosal, con Ánxela Fernández ou en Tomiño con Sandra González como alcaldesas”.

“Queremos ser, porque temos as condicións para selo, un deses concellos referencia, un concello BNG”, indicou Carme Núñez.

Acto Tui
Acto Tui

A proposta do BNG para transformar Tui en positivo

Nun momento crucial no que as persoas se sitúan no centro das políticas do Bloque, as propostas de Carme Núñez e o seu equipo teñen o foco posto en facer de Tui un concello vivo e participativo.

“Queremos un concello dialogante e aberto”, indicou Pontón “no que se apoie ás asociacións culturais, veciñais, deportivas, da mocidade, ecoloxistas, de mulleres e comunidades de montes”. A portavoz nacional explicou varias das propostas do BNG para Tui, que pasan por facer da vila un concello con boas conexións con outras localidades, ou a construción dun centro de día público e de máis vivenda social.

O coidado do medio ambiente tamén ocupa un lugar importante no Tui do BNG, coa intención de avanzar cara a un “concello en verde que mellore o seu sistema de xestión de residuos fomentando a reciclaxe”, e tamén favorecendo o turismo sostible coa promoción de espazos naturais como o Monte Aloia ou a ribeira do Miño.

Ademais, explicou Pontón, “Tui ten que ser un concello que conserve e poña en valor o seu patrimonio protexéndoo, catalogándoo e difundíndoo para facer del unha fonte de riqueza económica, turística e cultural”. Para finalizar, a líder do Bloque puxo o foco no incremento da oferta cultural e deportiva da zona atendendo á base e apostando tamén polos grandes proxectos consolidados.

“Xa non é momento da política de formigón, da falta de iniciativa, do desleixo coas parroquias, do tráfico que colapsa o centro, da soberbia da negación ao diálogo...”, declarou Pontón. “É o momento de poñer ás persoas no centro, de mellorar a vida dos galegos e das galegas, de atender ás súas necesidades e de comezar a construír o País que queremos, concello a concello”, destacou, manifestando que “é o momento do BNG, de Carme Núñez e do seu equipo para facer que Tui avance a partir do 28M”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG