A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a súa intervención na convención nacional para proclamar o obxectivo do BNG este 23X: darlle a Galiza un grupo galego forte en Madrid para facer valer os intereses do País ante o Goberno do Estado. E deixou claro que fronte aos predicadores do “non”, o BNG do “si” volverá demostrar que nada é imposible cando te empuxa “a forza do amor a Galiza”.
“Volveredes escoitar aos de sempre dicir que non, que Galiza non pode ter un grupo forte en Madrid e unha vez máis volveremos demostrarlles que si, que o BNG é imparable e que este é o momento de Galiza!”, subliñou Pontón ante máis dun millar de militantes. E para conseguir ese reto, a líder nacionalista apelou á rebeldía de Rosalía, Rosa Parks ou as sufraxistas é á épica dos grandes logros dun BNG capaz de convertir en posible calquera reto.
“Cando nos dicían que non íamos ser a alternativa ao PP, demostramos que si, e hoxe o BNG está máis cerca que nunca de chegar á Presidencia; cando nos dicía que non íamos ser a forza que máis subira nas municipais, demostramos que si e cando nos dicían que non íamos facer historia en Santiago, demostramos que si, e aí temos á alcaldesa Goretti Sanmartín na capital do País”, argumentou.
O 23 de xullo o Bloque volverá demostrar que nada é imposible e que Galiza terá un grupo galego forte para facerse respectar en Madrid, porque cada vez son máis os galegos e as galegas “fartas” da discriminación das forzas estatais, “por moito que Sánchez e Feijóo queiran reducir a campaña a unha xira televisiva para facer terapia bipartidista”.
Pontón subliñou o moito que Galiza se xoga na cita coas urnas e dirixiuse a todas as persoas “que lle queren” ao País para dicirlles que “non é momento de votar polo mal menor, nin por medo; ao contrario, pídolle a todos os galegos e ás galegas que o 23X voten con ilusión e con esperanza por un grupo galego forte, que voten para facer respectar Galiza en Madrid, sabendo que o BNG non lles vai fallar. Votemos coa cabeza e co corazón en Galiza”, recalcou.
Non serán as forzas estatais, que din unha cousa aquí e a contraria no Congreso, as que que defendan un tren do século XXI, a tarifa eléctrica galega; investimentos xustos ou máis xulgados de violencia de xénero; porque actuan como sucursais de Génova e Ferraz. Por iso, argumentou, un só deputado do BNG, Néstor Rego, foi máis útil que os 22 restantes logrando unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9.
“Cando o noso voto é decisivo, sabemos moi ben a favor de quen utilizalo: a favor de mellorar a vida da xente deste País”, alegou, e por iso Rueda rexeita debater co Bloque, mesmo utilizando argumentos machistas.
“O ideario ultra machista, racista e antigalego, que o moderado Feijóo branquea sen pudor, impregna cada vez máis o argumentario do PP”, denunciou, un PP que deixou claro en Galiza como e para quen goberna co abrazo ao presidente de Iberdrola; subvencionando á Rede madre antiabortista; recortando axudas ás vítimas da violencia machista, cabalgando sobre a mentira da imposición do galego ou negándose a xustificar no Parlamento un incremento de 800.000€ do seu patrimonio.
“Non nos sorprende este PP porque é o mesmo que deixa unha Galiza máis pequena e para darlle a volta tamén é importante un grupo galego forte”, alegou, fronte as forzas estatais “para as que Galiza sempre é a última carta da baralla, mentres protexen á monarquía corrupta, aumentan o gasto militar, rescatan á banca e nos impoñen un espolio eólico por terra e por mar”.
Un grupo galego forte como teñen vascos e cataláns, non para conseguir privilexios, subliñou Pontón, senón para conseguir un trato “xusto e digno” para os galegos e as galegas, aos que prometeu que o BNG non lles vai fallar nin na defensa de Galiza, nin na defensa dos dereitos e das liberdades.
“Nin un paso atrás nunha sociedade inclusiva e diversa, de mulleres libres e iguais e ni un paso atrás ante un PP aliado da ultradereita que cuestiona a nosa existencia como nación e que quere arrebatarnos até a lingua que falamos”, recalcou Pontón, “para todo isto tamén vale coller a papeleta do BNG o 23X”, concluíu.
Na convención nacional celebrada en Santiago tamén interviron as persoas que lideran as candidaturas á Cámara baixa. Néstor Rego, cabeza de lista pola Coruña, indicou que “non houbo cuestión importante para o País que non fora trasladada ao Congreso”.
Firmeza e coherencia
Destacou o papel do Bloque “para que se produciran, aínda que fosen tímidos, avances en dereitos sociais e en políticas máis xustas, marcando con coherencia un horizonte máis alá; confrontando coa dereita ultra e a ultradereita que empeñadas en recortar dereitos e facernos retroceder no tempo, mais tamén cunha esquerda española proclive a pregarse ás exixencias dos poderes fácticos e a incumprir os seus compromisos”.
Toca, indicou, “no só arrancar compromisos, senón dispoñer da forza para obrigar a cumprilos”, e nun escenario sen maiorías absolutas “temos a posibilidade de condicionar a política estatal a favor do noso pobo e para iso precisamos un grupo galego forte que o imos conseguir”, destacou Rego.
Lugo, claro que si!
Daniel Castro, cabeza de cartel por Lugo, tirou de humor para deixar claro que este 23X Lugo vai pasar da pregunta do “e si conseguimos deputado por Lugo ao, Lugo claro que si! sumando tamén Lugo ao grupo galego forte, e para conseguilo apelou á xente moza, “Temos que ser ese punto extra ese acelerón que encha as urnas de votos BNG”, subliñou, instando a mobilizarse.
“Aínda que sexa verán, temos que dicirllo a todo o mundo que ese deputado é posible, facer campaña na praia, na piscina, na terraza, onde sexa”, reclamou convencido de que votar BNG é un win, win, unha aposta segura na que sempre ganan os galegos e as galegas”.
Ourense vai estar
A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, subliñou que estamos ante “unha loita pola vida” e toca facelo nas urnas. “Temos que dicirlle a todas as persoas que loitan connosco nas rúas que a alternativa para defender Galiza, os dereitos sociais e as liberdades sexuais ante a dereita reaccionaria é o BNG, que estará diante contra toda inxustiza e reclamando o que nos pertence”. Presas subliñou a capacidade do Bloque “para facer do imposíbel o posíbel”, augurando un grupo galego forte “no que Ourense tamén vai estar”.
Confianza en nós
Carme da Silva, que lidera a candidatura por Pontevedra, puxo o acento "na necesidade de ter fe no noso pobo, confianza nas nosas posibilidades e dignidade nacional", e chamou a derrotar "ao centralismo abafante con máis BNG en Madrid” para defender "a recuperación das rías e o litoral, o medio natural e o patrimonio, para unha transición enerxética xusta e, en definitiva, para que Galiza se faga valer”.