Ana Pontón avanza unha ofensiva política para que Rianxo consiga o centro de día e outros servizo sociais á favor da veciñanza

Ana Pontón e Adolfo Muíños
Ana Pontón e Adolfo Muíños

“Cando Feixóo ignora ao alcalde Adolfo Muíños non ignora ao BNG, senón ós veciños e veciñas, comportándose como un Viturro do S XXI”, alega

Destaca o esforzo do Goberno municipal para mellorar os servizos ás persoas maiores e as súas familias, investindo 1,6 M€ no Pazo do Rianxiño

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita a Rianxo para destacar a política social do goberno local que lidera Adolfo Muíños, empeñado en dotar de servizos básicos ao concello como a batalla para ter un centro de día, reclamación que leva anos sobre a mesa pero que o Goberno de Feixóo ignora sistematicamente, mesmo despois de que o Executivo municipal teñan adquirido o Pazo do Rianxiño para destinalo a tal fin cun investimento de 1,6 M€.

“Que máis lle fai falta ao presidente da Xunta para mover ficha e poñer en marcha  un centro de día público, despois de que se lle ofreza unha edificación para dar un servizo que, ademais, é competencia do Goberno galego. Feixóo non podía telo máis fácil, ten un edificio adecuado e un proxecto, pero  sigue facendo oídos xordos”, salientou Pontón durante a visita ao inmoble, onde destacou que o BNG vai facer “toda a presión política, social e institucional para que os veciños e veciñas de Rianxo non sexan discriminadas e teñan os servizos públicos que precisan”.

Neste sentido, destacou que cando o xefe do Executivo ignora as peticións do goberno municipal que preside Adolfo Muíños, “non está ignorando ao BNG, está ignorando e discriminando ós veciños e ás veciñas de Rianxo que demandan un servizo imprescindible para as persoas maiores e as súas familias, tanto en termos de coidados como de conciliación”, explicou, tras subliñar que o resto de concellos da comarca teñen un centro de día polo que, en cambio, Rianxo leva unha década esperando.

Repartir servizos atendendo a intereses partidistas, onte e hoxe, “chámase caciquismo” alegou Pontón, “o mesmo que practicaba o antigo dono do Pazo do Rianxiño, cacique inmortalizado por Castelao, e parece que Feixóo se comporta como un Viturro do século XXI discriminando a Rianxo”, ironizou. A portavoz nacional considera inaceptable que a Xunta, desde a Consellería de Política Social, leve meses ignorando mesmo unha petición de reunión para abordar a creación desta infraestrutura, mesmo despois de que o Goberno de Muíños estivese en disposición de darlle as chaves do pazo para desenvolver un servizo longamente demandado pola veciñanza.

Fronte á desatención do Goberno de Feixóo, a líder nacionalista destacou a política social despregada polo BNG no concello, “poñendo as persoas no centro”. Nese sentido, destacou tamén a aposta do alcalde Muíños polas escolas rurais, a cuxo mantemento contribúe o municipio cun investimento de 500.000 € que permite a máis dun cento de nenos e nenas estudar cerca dos seus entornos familiares sen ter que desprazarse e, ao mesmo tempo, fixa poboación nos núcleo rurais do concello.

Nesa aposta por mellorar os servizos públicos e asistenciais enmárcase tamén a reclamación do servizo de hospitalización a domicilio, para que a veciñanza de Rianxo dispoña dun servizo que atende nos propios domicilios a persoas que teñen enfermidades graves, crónicas ou precisan coidados paliativos. A proximidade co hospital de Ribeira, a menos de trinta quilómetros, fai posible a posta en marcha dun servizo do que, de novo, xa dispoñen os concellos da comarca como Boiro, A Pobra, Ribeira ou Porto do Son. “Lembremos que o Goberno da Xunta tiña o compromiso de que este servizos estaría funcionando en toda Galiza en 2021”, indicou Pontón.

Na súa visita ao Rianxiño, a líder nacionalista destacou que o pazo non deixa de ser un símbolo de dúas maneiras de facer política, “por unha parte, a dun goberno municipal do BNG que cun esforzo financeiro enorme conseguiu facerse con este edificio para un servizo básico e esencial para as persoas maiores e para as familias; por outra un Goberno de Feixóo que ignora as necesidades da veciñanza, empeñado en discriminar a este concello. Xa está ben de que Feixóo siga facendo ouvidos xordos a esta demanda e, desde logo, man a man co goberno de Adolfo Muíños, o BNG vai facer o posible porque se faga realidade canto antes”, concluíu.

Pola súa parte, o alcalde deixou claro que o concello ten as chaves do pazo dispostas para serlle entregadas á Xunta e poñer a edificación a súa disposición para convertelo nun centro de día, e mesmo existe xa un anteproxecto para discutir as posibilidades das instalacións, “a idea sempre foi esa: cederlle á Xunta unhas instalacións nas que fixemos un investimento , -1,6 M€-,  para un concello modesto de 11.000 habitantes, cedelas sen ningún tipo de contraprestación máis aló de que chegue a bo porto a demanda da veciñanza”, destacou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG