Cos lumes como un dos principais problemas ambientais do país, o BNG considera que Galiza debe ter cunha lei de loita contra a emerxencia climática que aborde todos os retos nesta materia a aprobar nesta lexislatura, que dea unha resposta propia do século XXI a cuestións como a preservación do territorio, o combate contra os incendios, a recuperación da biodiversidade, camiñar cara unha economía verde, a xestión integral da auga ou a rexeneración das rías.
“A situación de crise ambiental require de respostas e os lumes estanse volvendo máis virulentos precisamente polo cambio climático, -indicou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras o encontro coa dirección de ADEGA-, e por iso un obxectivo do BNG nesta Lexislatura é contar cunha Lei de emerxencia climática que aborde os incendios de nova xeración e de xeito integral todas os retos ambientais que ten o país”.
Entre eses retos, explicou, a defensa da biodiversidade, -que se ten revelado fundamental mesmo para combater pandemias como a COVID-19, apostar por unha economía verde baseada no coñecemento, na ciencia e na investigación; abordar o ciclo da auga tendo en conta fórmulas que permitan o mellor aproveitamento dun ben cada vez máis escaso; apostar por enerxías limpas ou o saneamento integral das rías.
“O obxectivo do BNG é que todas estas cuestións claves para o futuro do país teñan resposta neste Parlamento a través dunha Lei de emerxencia climática”, salientou Pontón. En paralelo, a líder nacionalista tamén puxo sobre a mesa propostas no curto prazo para facer fronte aos incendios con tres prioridades: prevención, limpeza e ordenación do monte 356 días ao ano. “Un monte limpo e ordenado é o mellor cortalumes”, salientou Pontón.
“Se queremos ter un resultado diferente hai que facer algo diferente, non valen as mesmas receitas fracasadas de sempre”, indicou, “e non se pode reducir o problema dos lumes a un mera cuestión de incendiarios senón que hai que mudar unha política forestal fracasada que fai que cada ano ardan miles de hectáreas provocando un problema ambiental, económico e social sen que a Xunta mude nin un ápice a súa resposta”.
Pontón lamentou que, con Ourense ardendo un ano máis, a resposta do PP sexa vetar a comparecencia do conselleiro de Medio Rural no Parlamento, e que o presidente da Xunta non tivese tempo de visitar a zona afectada polas lapas, “supoño que Feixóo non ten interese en visitar Ourense para non ter que explicar o seu pacto con DO que sitúa á cidade na parálise absoluta”, ironizou.
Aproveitar a biomasa e recuperar espazos naturais
Entre as medidas a curto prazo para combater os lumes, o Bloque propón un Plan de aproveitamento da biomasa forestal, noutras palabras, limpeza intensiva do monte como elemento básico e fundamental de loita contra os incendios e ademais xeraría riqueza e postos de traballo. Potenciar a brigadas de investigación de incendios, porque a vixilancia e a prevención son claves cando o goberno de Feixóo ditamina que a maior parte dos lumes son intencionados, polo que resulta inexplicable que non potencia este instrumento.
Fondo de preservación de espazos naturais protexidos, destinado especialmente á recuperación dos espazos de gran riqueza natural arrasados polas lapas, como foi no seu día as Fragas do Eume ou agora a Serra do Xurés, “son necesarios plans específicos con fondos propios para a recuperación destes espazos ambientais emblemáticos”, argumenta Pontón.
O BNG mantivo un encontro coa dirección da ADEGA, na que ademais da portavoz nacional participaron as persoas responsables da área ambiental tanto no Parlamento como na dirección nacional: Luís Bará, Alexandra Fernández, Carme da Silva e Olaia Ledo e, por parte de ADEGA, unha ampla delegación encabezada polo seu secretario xeral, Froilán Pallín. O encontro serviu para poñer puntos de vista en común e constatar o alto grado de coincidencia na diagnose dos principais problemas e retos ambientais que ten Galiza.