A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control para denunciar a falta de política social de vivenda do Goberno Feixóo que se plasma nun drástico recorte tanto dos investimentos como da promoción de vivenda protexida, en particular con destino a alugueiro, pese ao incremento dos prezos nas grandes cidades.
“Leva 10 anos aplicando recortes e privatizacións que non só afectan á sanidade, a educación ou a dependencia tamén ao dereito fundamental a unha vivenda digna”, salientou Pontón, quen avanzou que os e as galegas van emendar nas urnas esta ausencia de política social de vivenda nas eleccións de 2020.
“Non ten política de vivenda pública e iso está deixando tiradas a moitas persoas e hai medidas que se poden impulsar, pero para iso ten que ter a cabeza en Galiza e non en salvar os mobles do PP despois dos sucesivos descalabros electorais. Entendo que estea preocupado porque vai ter que render contas dentro dun ano e non ter política de vivenda pública vaille pasar factura”, augurou, tras ironizar sobre a escasa influencia que ten ante Pablo Casado e o pretendido xiro ao centro: “son as consecuencias de dez anos de submisión”.
“Quédalle un ano para rectificar, señor Feixóo porque senón en 2020 serán os galegos e as galegas as que rectifiquen a súa falta de política de vivenda nas urnas”, recalcou.
Entre as medidas propostas polo BNG: a transferencia das vivendas do SAREB para destinala a vivenda social, fomentar a rehabilitación e a promoción de vivenda pública tendo en conta que hai 14.000 demandantes inscritos no rexistro único de vivenda da Xunta, un fondo social para facilitar o acceso á vivenda aos colectivos con máis dificultades e gravar aos fondos voitre e a entidades bancarias que reteñen bolsas de vivenda para especular.
Pontón reclamoulle a Feixóo un cambio de rumbo tras anos de recortes, de tal xeito que hoxe destina a política social de vivenda un 75% menos que fai dez anos, paralizou a construción de vivenda de promoción pública, -en 2009 entregábanse 1.778 vivendas con algún tipo de protección e en 2017, a cifra foi de doce-.
“Desde 2014 non fixo nin unha soa vivenda pública en alugueiro, vergoñento sobre todo se temos en conta que no último semestre de 2018 tivemos 5 desafiuzamentos diarios por impagos”, denunciou a líder do Bloque. Pontón reprochou especialmente o abandono da política de aluguer que deixa fora do acceso a unha vivenda á xente moza.
“Os prezos non deixaron de subir nas grandes cidades o que, unido aos baixos salario, fan que o acceso a unha vivenda sexa misión imposible para a mocidade en cidades como Vigo, A Coruña ou Santiago nas que o prezo do aluguer supón máis do 50% dos seus ingresos”, alegou a dirixente do Bloque. A día de hoxe hai 4.000 mozos e mozas apuntados no rexistro como demandantes de vivenda protexida, “pese a iso, a Xunta no promoveu vivenda protexida en aluguer desde 2014, cero”, recalcou.
“Vostede sega instalado na auto compracencia, pero en 2020 os galegos e as galegas diranlle nas urnas o que pensan da desfeita da súa política social de vivenda”, concluíu.