A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou unha batería de iniciativas no Parlamento para propiciar “cambios reais e efectivos” que garanten a atención ás persoas maiores e dependentes, fronte a un Goberno de Alfonso Rueda “incapaz” de xestionar con eficacia e eficiencia o sistema de dependencia e ao que acusou de estar vulnerando os dereitos dxs maiores, deteriorando a súa calidade de vida e a das persoas que as coidan, maioritariamente mulleres.
Pontón debullou en rolda de prensa as principais propostas do goberno alternativo do BNG e que pasan por “reforzar os servizos e os equipamentos públicos”, creando unha “rede pública forte” para atender ás persoas maiores e dependentes.
Así, a primeira proposta do Bloque é aumentar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogarf (SAF), pasando de 12 a 20 euros/hora, dado que é un “servizo esencial” porque “as persoas maiores teñen dereito a pasar esta etapa vital nas súas casas e co coidado que necesitan”, subliñou.
Neste sentido, criticou que o Executivo do PP pretenda “descargar a súa responsabilidade nos concellos”, o que considerou “incrible” cando hai concellos que cun orzamento de apenas tres millóns de euros “teñen que facerse cargo do traballo que non fai a Xunta, que ten un orzamento de 15.000 millóns”, recriminou.
A segunda proposta que o BNG vai levar á Cámara galega é a de duplicar os equipos de valoración da dependencia e reforzar todo o sistema de servizos comunitarios para poder reducir as “dramáticas esperas nas resolucións de solicitudes”, explicou a portavoz nacional, quen advertiu que nestes momentos hai 2.772 persoas no País agardando por una valoración de grao, pola resolución de axuda ou polo acceso a unha prestación á que teñen dereito.
“Entre 2017 e 2023 faleceron en Galiza 6.500 persoas agardando polos seus dereitos de dependencia, máis de dúas persoas ao día pola falta dun sistema público de dependencia que estea á altura das necesidades que ten a nosa sociedade”, afondou para evidenciar unha “inxustiza” que ten responsables políticos. “Un Goberno do Partido Popular que ten que empezar a cumprir a lei de dependencia dunha vez por todas e deixar de vulnerar os dereitos das persoas maiores”, sintetizou.
Por último, Pontón avanzou unha terceira proposta: dotar a Galiza dun sistema de residencias públicas, entendidas estas como un último recurso cando xa non sexa posible facilitar a permanencia das persoas maiores no seu propio fogar. “Cando iso non sexa posible, teñen que ter a garantía de que imos contar cunha rede de residencias públicas de calidade que sexa capaz de atendelas como merecen”, afondou.
Nesta liña, a portavoz do BNG advertiu que, na actualidade, hai 1.500 persoas que teñen dereito a unha praza de residencia pública que non poden acceder a ela simplemente porque non hai prazas libres nin nas residencias públicas, nin nas concertadas e recordou que o País ten un déficit de 13.850 prazas para poder acadar o rateo recomendado de cinco prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, tal e como indica o último informe da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais. “É evidente que nesta lexislatura hai que darlle un impulso moi forte tamén á creación de residencias públicas”, resumiu.
Fronte á “propaganda” do PP, Pontón puxo sobre a mesa algúns datos oficiais que evidencian a incapacidade do Goberno de Rueda para xestionar o que considerou “o terceiro piar do Estado do benestar", a comezar por que a espera media para que se tramite unha solicitude de dependencia no País ascende a nada máis e nada menos que 386 días, “máis do dobre do que está establecido por lei”, recalcou.
E iso, pese a que Galiza está á cola en número de solicitudes, ocupando o último lugar do Estado en solicitudes con respecto á súa poboación potencialmente dependente: un 8% fronte ao 34% estatal. “Temos o peor datos de todo o Estado, pese a que temos a segunda poboación máis envellecida”, advertiu.
Por se isto fose pouco, Galiza tamén ocupa o último lugar en resolucións de dependencia respecto á súa poboación potencialmente dependente. “O Goberno do Partido Popular ten menos solicitudes de dependencia, pero é o cuarto que máis tempo tarda en resolvelas de todo o Estado”, criticou a líder nacionalista, quen, por último, tamén denunciou a situación dun SAF “infrafinanciado e colapsado”, de tal xeito que a lista de espera só dá altas por falecementos. “Para recibir o servizo de axuda no seu domicilio, unha persoa ten que esperara a que outra faleza; así de duro, pero así de real o que está pasando neste momento”, denunciou.
A ideoloxía do PP: drenar recursos á privada e cargar os coidados ás mulleres
Ante a evidencia dos datos, a portavoz do BNG criticou a un Executivo do PP que “non aporta os recursos necesarios, afoga aos concellos e despois aínda os sanciona”, que non puxo en marcha nin unha soa praza de residencias públicas e, por riba, “boicotea outras que fan outras administracións” e que insiste en manter un modelo “totalmente privatizado que fai negocio coa vellez”, a pesar do vivido durante a pandemia e das promesas posteriores.
“Lonxe de avanzar, retrocedemos”, resumiu para denunciar a continuación como “a ideoloxía do Partido Popular ve como normal que se faga negocio coa vellez, en vez de apostar porque haxa unha rede pública que garante a calidade de vida das persoas maiores” e continúa “drenando recursos públicos ao sector privado”, con 100 millóns de euros consignados con este obxectivo nos Orzamentos de 2025.
“E, ademais, quere suplir as carencias do sistema público cargando os coidados sobre as familias, particularmente sobre as mulleres, que son aínda a día de hoxe quen maioritariamente coidan”, concluíu.