Municipais 2023

Ana Pontón amósase convencida de que o BNG construirá un rural vivo, dinámico e próspero na comarca de A Montaña tras o 28M

Acto Arzúa
Acto Arzúa

“O rural galego non é só importante porque conforma o 90% da superficie de Galiza, senón polo valor da xente que vive nel”, indicou

Destaca o modelo municipal de éxito do Bloque capaz de facer que os concellos que goberna avancen no económico, no social e no cultural

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación dos candidatos aos concellos da comarca de A Montaña o próximo 28M, entre os que se atopaban Xesús Carril (Arzúa), Mini Rivas (Boimorto), Lucas Quintas (Curtis), Xesús Pereira (Melide), José Ángel Penas (Toques), Manoel Adán (Santiso) e Álvaro García (Vilasantar).

“No BNG sabemos perfectamente que non hai Galiza posible sen o rural”, declarou Pontón, amosándose convencida de que “un rural activo, produtivo, con servizos  é un rural vivo e habitable”. A portavoz nacional falou do convencemento do BNG á hora de apostar polas “calidades e cualidades dun modo de vida máis sostible, máis lento, máis apegado aos ritmos propios da terra, pero que taméné  motor de impulso e desenvolvemento”.

Como persoa criada no rural, Pontón quixo destacar a súa importancia “non só porque o rural conforma o 90% da superficie de Galiza, senón polo valor da xente que vive nel”, indicando que “o País non ten futuro sen un rural vivo, dinámico, próspero e habitado”.

Acto Arzúa
Acto Arzúa

A líder do Bloque urxiu a necesidade de facer da comarca de A Montaña “un lugar onde vivir e medrar, un lugar onde criar ás nosas fillas e fillos, un horizonte de benestar para a xente de aquí a partir do 28M”. “Dígoo con convencemento”, explicou, “porque os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas”.

Amosouse convencida de que o BNG conseguirá un resultado histórico nas eleccións do 28 de maio, “porque hoxe son maioría os veciños e as veciñas que queren abrir un tempo novo da man do Bloque”. “Sei que todos os candiadatos desta comarca sairán a por todas, coa máxima ambición e sen poñerse límites para conseguir que todos e cada un dos concellos de A Montaña avancen”, concluíu.

Vivenda asequible

Pontón salientou o contexto de crise de prezos no que se desenvolve a campaña e criticou a un Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”, de feito, fixo referencia ao último anuncio de Rueda, “dicindo, sen poñerse colorado, que durante catorce anos de goberno deixaron de lado a construción de vivenda protexida porque non sabía que o acceso á vivenda era un problema para a cidadanía”, denunciou.

Por contra, o BNG “ é perfecto coñecedor das dificultades da xente para acceder unha vivenda”, e quixo lembrarse, en especial, “da xente moza que ten traballos precarios e salarios baixos e non pode pagar un aluguer e as familias que ven como os alugueres subiron un 30% de media nas grandes cidades nos últimos anos”, declarou.

Fronte “un PP cruzado de brazos” está unha realidade de 175.000 galegos e galegas “que teñen unha hipoteca e que soportan subidas de 300/400 euros ao mes”, criticou a líder do Bloque, que puxo en valor a un BNG con propostas como o plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos, ademais de anunciar que o Bloque “seguirá presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta a esta crise. Alternativas en clave de país e a favor da maioría social”, argumentou.

Sanidade pública digna

Tamén fixo referencia a unha sanidade pública que está contra as cordas tras catorce anos de recortes, e fronte a un PP convertido nun “terminator” da sanidade o BNG propón un novo modelo de atención primaria con máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.

Pontón concluíu a súa intervención subliñando que o BNG será a forza política que máis suba o 28M, “multiplicando a nosa representación ao longo e ancho do País, con más alcaldías, con máis concelleiros e concelleiros,  avanzando no reto de darlle a Galiza un goberno e unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG