A portavoz nacional, Ana Pontón, ve na presenza do presidente da Xunta na madrileña praza de Colón, “de ganchete da extrema dereita machista, racista e antigalega”, o perfecto “retrato” das prioridades do xefe do Executivo pregándose a Pablo Casado mentres milleiros de galegos e galegas saían a rúa en defensa da sanidade pública.
“Dúas manifestacións ben diferentes que demostran de que lado está cada quen: Vostede da extrema dereita, o BNG coa maioría social que defende o dereito á saúde que pon en risco a golpe de recortes e privatizacións”, denunciou durante a sesión de control. Un “seguidismo” que tamén quedou claro na marcha atrás do PPdeG en materia de autogoberno.
“Da pena velo convertido nun mandado do señor Casado, ver como pola mañá chega a un acordo con BNG para pedir máis competencias e pola tarde recúa porque o seu xefe de filas lle tira das orellas e lle deixa claro que na axenda da extrema dereita non entra darlle máis poder político a Galiza”, criticou Pontón, “iso si que é unha humillación e unha traizón aos galegos e galegas”.
A líder nacionalista lamentou que Feixóo se agoche tras Cataluña para evitar falar dos problemas deste país, entre eles unha sanidade pública deteriorada tras unha década de recortes e privatizacións do PP.
“Parouse a pensar no drama da familia da persoa que faleceu no PAC da Estrada, parouse a pensar porqué nais e pais desde Zas a Gondomar saen a rúa a defender unha atención pediátrica para os seus fillos e fillas, parouse a pensar nas razóns das e dos profesionais dos PAC´s, do persoal de urxencias ou nas razóns das médicas novas que lle din non ao seu contrato precario?”, interpelou.
Pontón tamén reprochou a marcha atrás de Feixóo en materia de autogoberno, un “papelón” quen lle leva a pasar de pedir o máximo teito competencial para Galiza a cero competencias en pouco máis de quince días. “Senón lle deixan ter máis competencias, polo menos exerza as que ten”, reclamou a dirixente do Bloque.
En materia de sanidade pública o BNG reclamoulle que escoite o “clamor” dos profesionais a da maioría social e puxo sobre a mesa unha batería de proposta a favor do sistema público de saúde.
Cese do conselleiro de Sanidade, un plan de mellora de atención primaria que aporte 200 millóns de euros adicionais, recuperar as xerencias con capacidade de decisión e orzamentos en atención primaria, atender as demandas dos e das profesionais e convocar as 6.067 prazas vacantes no Sergas. “É moi fácil, trátase de máis Galiza e menos Madrid”, concluíu Pontón.