A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou na sesión de control no Parlamento que Galiza está quedando atrás nesta crise de prezos por culpa dun goberno do PP esgotado e sen proxecto de futuro, que non ten nada que ofrecer aos galegos e as galegas salvo recortar servizos públicos e barra libre ao espolio eólico para as eléctricas, mentres Galiza vai a menos.
“Sobe a cesta da compra, sobe a factura da luz, soben as hipotecas, e que fai o Goberno do PP para axudar a xente deste País? Nada de nada, salvo recortes e privatizacións da sanidade e vender Galiza a prezo de saldo ás eléctricas para que sigan ganando cartos a mans cheas, mentres este País vai a menos e Galiza se queda atrás”, denunciou a líder do BNG no seu cara a cara co presidente da Xunta.
A portavoz nacional do Bloque tirou man dos datos para avalar súa denuncia.
“Co Partido Popular, Galiza está quedando atrás porque os prezos suben máis que a media, porque o índice de produción industrial sube un 2,8% no Estado, pero aquí baixa 1,9%; porque temos 28.400 persoas menos traballando que fai trece anos, menos taxa de actividade e menos taxa de ocupación. Galiza está quedado atrás porque perdeu 22.800 traballadores autónomos e autónomas, case 3.000 no último ano, mentres o Estado gañou 108.000”, explicou.
Pontón continuo argumentando con datos na súa intervención para constatar o balance dunha Galiza que vai a menos. “Co Partido Popular, Galiza está quedando atrás porque o PIB, e dicir, a riqueza do País, medra cinco veces menos que no Estado, porque as nosas exportacións van peor e baixa o consumo das familias e das empresas, mentres no Estado sube”, recalcou.
E tamén son as decisións do Goberno do PP as que fan que Galiza perda posicións “cando votan en contra de medidas a favor da maioría, como o veto á tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz, ao mesmo tempo dan barra libre ao espolio eólico para que as grandes eléctricas se sigan forrando”, denunciou, en relación aos 70 parques eólicos aprobados onte polo Executivo de Rueda.
“Non me estraña que con este balance queira fuxir dun debate do estado da nación”, ironizou.
Pontón preguntaba polas medidas previstas polo Goberno popular ante unha suba de prezos que en Galiza sigue, mes tras mes, por riba da media estatal pese a ter salarios e pensións máis baixas, sen obter ningunha resposta.
“A súa intervención é a mellor demostración de que son un goberno rutineiro, instalado na inercia e a quen lle preocupa moi pouco o sufrimento que está tendo a maioría social nesta crise, un goberno que non ten nada que ofrecerlle aos galegos e ás galegas e que o único que está conseguindo é que Galiza quede atrás”, recalcou.
Hipotecas, luz, cesta da compra
250.000 persoas están pagando entre 150 e 200 euros máis cada mes pola súa hipoteca, “pregunteille que pensa facer o seu goberno e non da nin unha soa proposta, porque non vai ser que se moleste a banca. A do BNG é clara, un fondo de rescate hipotecario para axudar as familias sufragado nun 75% pola banca, o mínimo que lle deben á sociedade despois dun rescate de 90.000 millóns de euros”, alegou.
Pontón tamén preguntou polas medidas concretas contra a subida dos alimentos, “pero non hai ningunha proposta por parte do PP, no vaia ser que se moleste a gran distribución. O BNG propón un observatorio de prezos para detectar onde está a especulación e atallala”, indicou.
Igualmente, a portavoz do Bloque preguntou a Rueda polas súas medidas contra a subida da luz, “sobe a factura da luz nun País rico en electricidade, pero a proposta do Partido Popular é vetar a tarifa eléctrica para abaratar a factura, non vaia ser que se moleste o lobby eléctrico. Iso si, segue o boom eólico depredador vendendo Galiza a prezo de saldo en contra da maioría social”.
Pontón destacou que Galiza non ten por que quedar atrás, “porque é un País rico, con capacidade, con xente traballadora para saír adiante, pero necesita un goberno de verdade e non un goberno de reposto, señor Rueda”, concluíu.