A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse hoxe ao presidente do Parlamento Europeo, Antonio Tajani, para reclamarlle -por terceira vez- que non permita a participación do partido de extrema dereita Vox no acto organizado polo grupo ECR o vindeiro 6 de marzo “por ameazar os valores democráticos”.
Ademais de reiterar a reclamación expresada na carta enviada o pasado 19 de febreiro, Ana Miranda traslada nova información ao presidente da Eurocámara a respecto das declaracións dese partido de extrema dereita efectuadas nos últimos días como exemplo de manifestacións “profundamente xenófobas -atacando as persoas migrantes e refuxiadas-, misóxinas e que entran ademais no terreo da incitación ao odio”.
“Como co-relatora da Resolución do Parlamento Europeo sobre o avance do neofascismo en Europa aprobada o pasado 25 de outubro de 2018, gustaríame recordar este texto para que sexamos coherentes cos nosos propios textos aprobados e non se permita a celebración dun acto que contribúa a incitación do odio e poña en perigo a seguridade e a orde pública dos valores democráticos e os dereitos fundamentais que defendemos na Eurocámara”, explica a eurodeputada do Bloque.
Miranda dirixiuse a Tajani para reclamarlle explicacións pola autorización e para que lle ofreza una resposta oficial as comunicacións previas. A eurodeputada nacionalista critica a dobre vara de medir do presidente da Eurocámara á hora de autorizar ou non diferentes eventos nas instalacións do Parlamento Europeo.