Cese o fogo inmediato en Gaza e apertura de corredores humanitarios para subministros básicos son dúas das reivindicacións que reclama a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, nun comunicado conxunto con outros deputados e deputadas europeas e de América Latina, promovido no desenvolvemento das reunións de Eurolat, a Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana.
O estrito cumprimento das normas do dereito internacional humanitario e das resolucións da Organización de Nacións Unidas dirixidas a respectar o dereito á autodeterminación do pobo palestino é outra das reclamacións que realizan os deputados e deputadas asinantes do documento. Neste sentido Ana Miranda denuncia unha vez máis a violencia desproporcionada de Israel hacia Palestina e a limpeza étnica que está levando a cabo en forma de castigo colectivo a un pobo que demanda a súa autodeterminación.
“É imprescindible que se dean pasos para acadar o cese da violencia en Gaza e unha solución de paz que acabe coa ocupación por parte de Israel”, salientou a eurodeputada do Bloque, que forma parte das Delegacións de Relacións con Palestina e con Israel do Parlamento Europeo. Ademais, no documento asinado por Miranda critícase a “inxustificada inacción de algunhas institucións interparlamentarias” que son incapaces de defender os dereitos humanos, a paz e a democracia nas relacións internacionais.
Solucións globais
Nas reunións de traballo de Eurolat debatéronse outros temas de actualidade como son a loita contra o cambio climático, a migración e a dixitalización. “Temos que ofrecer solucións globais aos problemas locais que se está producindo como consecuencia do cambio climático”, sinalou Ana Miranda, quen sinala o acceso á auga como outro dos retos fundamentais da actualidade.
Neste sentido, Miranda lembrou a aprobación, o pasado mes de xullo, do “Informe sobre os retos para garantir o dereito humano á auga”, do que é co relatora xunto a deputada arxentina Julia Perié. “Trátase dunha decisión de gran importancia posto que nun contexto de cambio climático no que aumentan os períodos de seca, o documento destaca a necesidade de facer efectivo o dereito á auga de forma suficiente, salubre e accesible, como dereito humano indispensable para a vida, así como o seu saneamento”, subliña.