A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, criticou a defensa que fai o goberno galego do modelo SOGAMA de incineración, xa que se trata “dun modelo desfasado, ineficiente, custoso e que causa grandes prexuízos medioambientais”. En concreto, o modelo SOGAMA Incumpre sistematicamente tres Directivas europeas, como son a de Vertido, de Envases e Marco de residuos, xa que SOGAMA non recolle separadamente a materia orgánica, senón que vai mesturada co resto no contedor verde con destino á incineración e vertedoiro.
“O PP minte cando asegura que o modelo que defende a UE é o de SOGAMA, xa que SOGAMA non fai recollida selectiva da materia orgánica nin un tratamento selectivo separado, que si o fan Nostián e Lousame. Polo tanto, a UE avala os métodos de Nostián e Lousame, máis non de Sogama”, explica a nacionalista, en referencia a un comunicado de prensa do goberno galego, que ao seu xuízo “é un auténtico despropósito, ao cargar contra Europa e o Estado da súa propia incompetencia ao non cumprir a normativa comunitaria”. “Son precisamente os sistemas que como o de SOGAMA recollen mesturada a fracción orgánica con outros refugallos os que segundo esa nota van deixar de recibir cartos da UE”, apunta Miranda.
A portavoz do Bloque en Europa lembra que o BNG leva anos denunciando en Galiza e Bruxelas, xunto a ADEGA e a Plataforma Galega contra a incineración a nefasta política de residuos que practica en Galiza o PP. Ao respecto sinala que o PP forzou o peche da denuncia presentada na Comisión de Peticións da Eurocámara por parte de numerosos colectivos contra a xestión dos residuos que leva a cabo SOGAMA. Sinalou que esta xestión de residuos está baseada na incineración, no transporte do lixo de forma ineficaz e no cobro aos concellos por non reciclar. “Debería modificar esta política de tratamento de residuos baseada na incineración e potenciar a reciclaxe”, subliña.
Incumprimentos sistemáticos
O modelo SOGAMA non cumpre, entre outras, a Directiva Marco de Residuos porque non respecta a xerarquía de residuos en tanto que está baseado na non separación na orixe dos materiais, o enterramento e a incineración. Por outro lado, segundo os propios datos que facilita SOGAMA, presenta un dos índices totais de reciclaxe máis baixos de Europa, cun 15% en 2019, moi inferiores ao 50% que fixaba a UE para 2020. Ademais, o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza, aprobado en 2011 e cofinanciado pola Comisión Europea con 72 millóns de euros, tampouco cumpre os requisitos de eficiencia enerxética, xa que SOGAMA non acada a eficiencia enerxética mínima do 0,6% que marca a UE para que a súa incineración poida ser considerada valorización enerxética. A esta situación súmase que SOGAMA queima o lixo e enterra os residuos, segundo denuncian os colectivos ecoloxistas, transformándoos en gases de efecto invernadoiro, polo que se converte nunha das máximas fábricas de cambio climático de Galiza.