No inicio da Comisión de Peticións da Eurocámara, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou a cancelación impulsada polo PP “da voz de moita cidadanía galega” ao eliminar da orde do día a comparecencia dos colectivos contrarios a instalación da macrocelulosa Altri en Palas do Rei, prevista para hoxe. Por outro lado anunciou que a petición correspondente a Altri tratarase na Comisión de Peticións correspondente ao mes de novembro.
A eurodeputada galega cualificou moi preocupante a actitude dos populares, que se uniron á extrema dereita para romper o acordo acadado o pasado 4 de setembro por 4 grupos parlamentares para que a plataforma Ulloa Viva comparecera hoxe na Comisión de Peticións pola vía de urxencia, polo carácter excepcional desta petición. “Por iso quero expresar de parte do noso grupo o noso fondo malestar pola impugnación do Partido Popular europeo da decisión de coordinadores de aplicar o procedemento de urxencia a esta peticións”, salientou.
Ana Miranda cualificou de lamentable a actitude do PP xa que as súas argucias “levan a silenciar a voz dun gran número de asociacións galegas da sociedade civil que enviaron esta petición para protexer áreas de gran valor ecolóxico e social”. Así mesmo considerou lamentable “o espectáculo” ofrecido polos deputados populares na sesión da Comisión de Peticións do pasado 30 de setembro, “vindo a votar como robots” para impedir que hoxe puideran comparecer. “Pedimos respecto para a sociedade civil galega”, subliñou.
“Non nos imos render”
“Tanto desde o BNG como desde o noso grupo Verdes - Alianza Libre Europea non nos imos render en algo que é un clamor da cidadanía galega”, asegurou a eurodeputada do BNG na súa intervención. Precisamente o pasado mes de abril MIranda convidou a Bruxelas unha delegación de colectivos opositores á instalación de Altri, que se reuniron coa Directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, María Teresa Fábregas, e o Xefe da Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental, Paul Speight, encontro no que confirmaron que non hai ningunha solicitude oficial por parte do Estado para este proxecto.