A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse por escrito ao presidente do Parlamento Europeo, Antonio Tajani, para reclamarlle que non permita a participación dun representante do partido de extrema dereita Vox nun acto na Eurocámara organizado polo grupo ECR. “Considero, como eurodeputada demócrata, que non debería de permitirse a celebración dun evento deste tipo, que pode ameazar a orde pública e a seguridade do Parlamento Europeo", di con retranca no seu escrito a eurodeputada galega, despois de que o Presidente da Eurocámara impedira nos pasados dias actos alegando eses motivos a elixidos democrticamente.
Segundo explica Miranda, nas súas declaracións, Vox insta ao odio e non ao respecto da diversidade, do pacifismo nin dos dereitos humanos. Ao respecto, lembra que o pasado 25 de outubro a Eurocámara aprobou unha Resolución contra o avance do neofascismo en Europa - na que Miranda é co-relatora- instando aos Estados Membros “a loitar contra as organizacións que propaguen discursos de odio e violencia en espazos públicos e en liña e a prohibir efectivamente os grupos neofascistas e neonazis e calquera outra fundación ou asociación que exalte e glorifique o nazismo e o fascismo”.
Asemade, a resolución aprobada pide aos Estados Membros que sigan “as recomendacións do Consello de Europa relativas á loita contra as manifestacións de neonazismo e de extremismo de dereitas”. Para a eurodeputada do Bloque, “está claro que as manifestacións desta formación inscríbense neste marco de extremismo de dereitas que hai que combater”.
Ao respecto Ana Miranda critica a “dobre vara de medir” do presidente Tajani, que por un lado prohibe actos nas instalacións do Parlamento pero por outro lado permite outros de formacións de extrema dereita. A eurodeputada galega reafirma o compromiso do BNG coa loita antifascista.