A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia que un dos requisitos vixentes para acceder as axudas dos fondos FEMPA é especialmente discriminatorio co sector marisqueiro galego, xa que reclama contabilizar 120 días de venda nos últimos 2 anos. “Atopámonos cun problema estrutural de mortaldade nas rías, de forma que cumprir este requisito é claramente imposible, polo que é fundamental que sexa modificado”, sinala Miranda.
Neste sentido, a eurodeputada galega presentou unha pregunta parlamentar na que ademais de facer referencia ao grave problema que sofre a o sector marisqueiro galego, -como por exemplo na ría de Muros-Noia e referido sobre todo á ameixa e o berberecho- tamén pregunta que alternativas ofrece a Comisión ás persoas deste sector que na actualidade non conta con ningún tipo de ingresos.
“É imprescindible que as axudas existentes sexan útiles ao sector e dean resposta ás necesidades das nosas mariscadoras”, destaca Ana Miranda, quen critica que haxa “moita présa para gastar os fondos antes do 31 de decembro en campañas de márketing pero non contemplen facilitar as axudas ao sector marisqueiro”. “De que serve que haxa axudas se quen máis as necesita non as pode solicitar?”, apunta.
Ineficacia do PP
Segundo apunta a eurodeputada do Bloque “unha vez máis atopámonos co descoñecemento da Unión Europea sobre o sector pesqueiro e marisqueiro galego e tamén coa ineficacia do goberno galego do Partido Popular”. Ao respecto lembra salienta que dende o Parlamento Galego o BNG tamén presentou diversas iniciativas para dar resposta a este problema estrutural das rías galegas e que o PP achaca “a que chove moito”.