A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa estes días na Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea – Turquía, que se celebra en Ankara, e na que entre outras cuestións se trata do estado das negociacións de adhesión. Na súa intervención Miranda defendeu o respecto aos dereitos humanos, á liberdade de expresión e ao Pobo Kurdo.
A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG denunciou asemade o estado de excepción actual, “iniciada polo presidente Erdogan como medida excepcional pero que xa é permanente” e criticou como Erdogan actúa como un “presidente autocrático que asoballa ao seu Pobo, e que encadea a oposición, reprime, persigue, acusa, intimida e pecha escolas, sindicatos, xornais e webs”.
Ao xuízo da eurodeputada nacionalista, a “chantaxe” que fai o presidente turco con Europa en relación ás cuestións de seguridade e migración coas negociacións do acordo “resulta vergonzosa, tal e como quedou claro no transcurso de varias intervencións na Asemblea parlamentar UE – Turquía”.
Ana Miranda, que participa nesta asemblea xunto co eurodeputado catalán Jordi Solé e a sueca Bodil Valero, denunciou asemade a violación de dereitos humanos e a situación dos portavoces do partido HDP, co que o BNG mantén desde hai anos unha intensa relación. Neste sentido fixo referencia a deputadas e deputados, alcaldesas, alcaldes e concelleiros que están na cadea, na mesma situación que defensores de dereitos humanos, xornalistas, sindicalistas e xuíces.
Encontro bilateral co HDP
A eurodeputada do BNG, xunto ao eurodeputado Solé e a sueca Valero, mantiveron un encontro bilateral cos portavoces do HDP no Parlamento turco, no que puideron coñecer de primeira man a grave situación que atravesan, así como o seu ánimo da resistencia. "Somos sobreviventes e seguiremos loitando co ollar posto nas vindeiras eleccións locais de marzo, nas que agardan recuperar alcaldías no Kurdistán, que foron roubadas polo estado de excepción baixo a acusación de terrorismo que navega como escusa permanente, denunciada pola propia Corte de Dereitos Humanos de Estrasburgo e polo Parlamento Europeo”, manifestaron os líderes do HDP na xuntanza. Pola súa banda, no encontro Ana Miranda trasladou o apoio e solidariedade do BNG aos lideres encadeados por Erdogan na súa loita por conseguir un estado democrático e diverso.
A eurodeputada do BNG; así como Solé e Valero, continuarán mañá coa ronda de contactos cos líderes do HDP e resto de partidos e entidades sociais defensoras dos dereitos humanos e do Pobo Kurdo.