No debate do pleno do Parlamento Europeo “Necesidade de garantir unha actuación rápida e transparencia con respecto ás acusacións de corrupción no sector público para protexer a integridade democrática”, Ana Miranda denunciou o sobrecusto do hospital Álvaro Cunqueiro amparado polo PP, xa que segundo o Consello de Contas de Galicia esta infraestrutura hospitalaria de Vigo superou os 470 millóns de euros só pola obra.
“Como é posible que o Goberno galego, que es un Goberno do Partido Popular, reducira os espazos e servizos non sanitarios, os metros cadrados… e ampliara o custe desa obra?”, manifestou a eurodeputada do Bloque na súa intervención, quen puxo en valor que o BNG, “grazas aos nosos 25 deputados e deputadas, levamos este tema ao Parlamento de Galicia, e forzamos ao Partido Popular a dar explicacións sobre o sobrecusto deste hospital”.
Neste sentido, Ana Miranda criticou que fora o Partido Popular quen propuxera este debate na Eurocámara “da man de VOX”, en tanto que a resposta dos populares na comisión de investigación foi “ocultar informes e ademais ocultar ao expresidente do goberno galego, ao actual líder do PP español, o señor Feijóo”.
Ocultación de información
“Por que non comparece o señor Feijóo na comisión de investigación que existe no Parlamento de Galiza nestes momentos? ¿Ou é que quere seguir a estela de M. Rajoy?”, pregúntase a eurodeputada do Bloque, quen denunciou a ocultación de documentación por parte do PP, “que usa todo tipo de artimañas para dificultar a investigación: está vetando o acceso a información relativa aos contratos con empresas vinculadas a familiares de altos cargos do Partido Popular”.
Segundo denunciou o BNG na comisión de investigación do Parlamento Galego, respecto ao proxecto inicial do hospital Álvaro Cunqueiro produciuse unha redución de 15.423 metros cadrados na superficie hospitalaria útil e doutros 16.000 na de aparcamento. Así, en total, son máis de 31.000 metros cadrados, que suporían o 15,8 % do orzamento de execución material, en torno a 30 millóns de euros que a Xunta pagou igualmente á concesionaria.