A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia na Eurocámara a contaminación na mina de San Finx, que supón “un risco ambiental, económico e social para unha ría como a de Muros Noia, rica en peixe e marisco”. Ao seu xuízo estanse incumprindo directivas europeas, como son a Directiva Marco da Auga, pola contaminación que provoca nos ríos próximos á mina e na ría; a Directiva de Información Ambiental, en tanto que non houbo posibilidade de acceder aos informes de xeito transparente; e a Directiva de Tratamento dos Residuos.
Na súa intervención no debate sobre “Contaminantes das augas superficiais e subterráneas”, Miranda lembrou que existe unha petición aberta na Comisión de Peticións da Eurocámara que denuncia a contaminación provocada polos verquidos desta mina. “A pesar dos requirimentos ao Goberno galego de medidas para facer cumprir a lei e resolver así as irregularidades, a pesar das reclamacións na xustiza e da oposición social e política, o Goberno Galego autorizou en febreiro deste ano a descarga de catro millóns de metros cúbicos de augas residuais e efectos contaminantes”, explicou.
Como consecuencia desta descarga, a eurodeputada nacionalista sinalou que foron detectados niveis moi altos de metais pesados nas augas “excedendo longamente os niveis máximos permitidos”, como por exemplo cadmio, cobre e cinc.
Suspensión dos verquidos
“Lamentablemente os verquidos levan producíndose durante anos e durante anos contan coa oposición de colectivos sociais e medioambientais e coa advertencia do risco que supoñen por parte do BNG”, sinala Miranda, quen salienta o traballo desenvolvido polo Bloque nas localidades afectadas así como no Parlamento Galego, coa presentación de iniciativas para que o Goberno galego asuma as súas responsabilidades e finalicen os verquidos contaminantes. “É inaceptable que o goberno galego non tome medidas contra a minería contaminante en Galiza”, salienta.