Nunha rolda de prensa no Parlamento Europeo xunto ao xornalista palestino Omar Karem, -que leva un mes en folga de fame-, e eurodeputadas de Verdes-ALE e The Left, Ana Miranda denunciou o xenocidio ao que Israel somete ao Pobo palestino, coa complicidade de Europa, así como a suspensión de axudas á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA).
“Facendo fincapé na necesidade de respectar os principios dos dereitos humanos e a Convención de Xenebra, especialmente no que respecta á protección dos civís en tempos de guerra, Omar está en folga de fame indefinida aquí en Bruxelas, como demanda a un chamamento claro a un alto o fogo”, explicou a eurodeputada do Bloque na comparecencia, na que tamén participaron Lydie Massard, Idoia Villanueva e Miguel Urbán, co obxectivo de denunciar asemade a situación dos xornalistas palestinos en Gaza.
A eurodeputada nacionalista detallou as cifras que dan conta do sufrimento do Pobo palestino: 26.000 persoas asasinadas, máis de 63.740 persoas feridas, máis de 360.000 vivendas destruídas ou danadas, ademais de outras infraestruturas civís atacadas, e aproximadamente 1,9 millóns de persoas desprazadas pola forza. Tendo en conta estes datos, Miranda considera que “están sufrindo unha catástrofe humanitaria, que inclúe fame e propagación de enfermidades”.
Desastre humanitario
Segundo considerou a eurodeputada do Bloque, a este “desastre humanitario en Gaza” súmase a suspensión temporal de financiación por parte de varios Estados contra a UNRWA en resposta ás acusacións de Israel, “a potencia ocupante”, o cal ao seu xuízo supón “outro castigo”, que podería afectar a asistencia dos habitantes de Gaza para acceder a servizos esenciais de saúde, auga e alimentos.
“Israel leva anos intentando desacreditar e desmantelar a UNRWA”, acusou Ana Miranda, quen sinalou que o principal obxectivo de Israel é “negar a cuestión dos refuxiados palestinos e os dereitos inalienables dos refuxiados, incluído o seu dereito a regresar”. Por iso que defendeu que a comunidade internacional “non pode actuar unilateralmente e sen unha investigación dos feitos”. “Rexeitamos calquera acción sen unha investigación axeitada que socave os dereitos e as vidas dos refuxiados palestinos”, engadiu.
Por outro lado mencionou á Orde da Corte Internacional de Xustiza (CIJ) dando resposta á solicitude de Sudáfrica, que emite medidas provisionais de conformidade coas obrigas de Israel en virtude da Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio de 1948, que esixe que Israel "tome todas as medidas que estean ao seu alcance". “Israel debe garantir que o seu exército non cometa ningún acto xenocida en Gaza”, subliñou.