Ana Miranda denuncia o desmantelamento do patrimonio sociosanitario dos galegos en Uruguai

Ana Miranda
Ana Miranda
O BNG solidarízase cos socios e traballadores que piden a continuidade da institución

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia o desmantelamento da Casa de Galiza de Uruguai, que vén a continuación do desmantelamento do patrimonio sociosanitario en Arxentina. “Non podemos esquecer que este patrimonio foi erguido en 1917 cos aforros e o esforzo dos emigrantes galegos, e que os propios usuarios definen como estafa”, sinala Miranda ao respecto.

Precisamente hai dous días o Parlamento uruguaio aprobou o proxecto de lei que recolle a reasignación dos usuarios da Casa de Galiza de Montevideo, -uns 45.000- e traballadores e traballadoras –arredor de 3.000-, que na súa maioría manteñen a oposición a este desmantelamento. “Dende o BNG queremos manifestar todo o noso apoio a todas as persoas que levan días protestando ás portas da Casa de Galiza”, salienta a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque.

Esta decisión do Parlamento uruguaio prodúcese tras a resolución tomada o pasado mes de decembro segundo a cal un xuíz ordenou a disolución desta entidade, tras as débedas millonarias acumuladas durante as últimas décadas, que provocaron a súa intervención por parte do Estado uruguaio, así como diversas denuncias de irregularidades. “A nova directiva afín ao Goberno conservador tiña claro o desmantelamento e existe a complicidade do Goberno uruguaio presidido polo conservador Lacalle Pou, que foi aplaudido por Feijoo e que coinciden na defensa do neoliberalismo sanitario”, explica Ana Miranda.

Falta de transparencia

Fronte a esta fragmentación da Casa de Galiza de Montevideo, tanto socios como persoal denuncian o escuro procedemento seguido na toma de decisións e a falta de transparencia. Ademais reclamaron en diversas ocasións que se explorasen mecanismos para acadar a continuidade do centro, entre eles a posibilidade de que o Estado uruguaio se fixese cargo da entidade ou que se buscasen posibles inversores para manter a totalidade do centro hospitalario. “Cómpre parar esta desfeita”, salientan.

En novembro de 2021 o BNG, a través do deputado Daniel Castro, formulou unha pregunta ao goberno galego sobre “a intervención polo Goberno do Uruguai do hospital da Casa de Galicia en Montevideo”, na que expresaba a preocupación do BNG pola situación desta institución. “É de vital importancia salvagardar a obra fundada por galegos e galegas, mais tamén que a mesma siga dando un servizo tan importante como o médico sanitario”, destaca o documento da formación nacionalista.

Institución centenaria

A Casa de Galiza de Montevideo trátase dunha institución que conta con máis dun século de actividade, xa que foi fundada en 1917 por un colectivo de emigrantes, sendo a sede do Consello de Galiza, o goberno galego no exilio. Ao longo deste tempo foi un dos centros hospitalarios máis importantes do país, que conta ademais cunha sede social nunha das principais arterias de Montevideo. Da institución forman parte, entre outras dependencias, o Instituto de Secundaria Manuel Curros Enríquez e a biblioteca Alfonso R. Castelao, así como un gran patrimonio cultural, entre o que destacan diversas obras pictóricas e a escultura de Asorey denominada “A Santiña”.

“No BNG denunciamos esta estafa ao patrimonio social dos galegos en Uruguai e a ausencia do goberno galego no seguimento desta grave situación de desmantelamento do patrimonio sociosanitario dos galegos e galegas de Uruguai e reclamamos con urxencia mediación para salvagardar o patrimonio galego da histórica Casa de Galiza”, conclúe Ana Miranda.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG