A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou hoxe na visita ás presas e presos políticos cataláns Oriol Junqueras, Raül Romeva, Josep Rull, Jordi Turull, Joaquim Forn, Dolors Bassa, Carme Forcadell, Jordi Cuixart e Jordi Sànchez, realizada pola delegación internacional de eurodeputadas e eurodeputados membros da “Plataforma Diálogo UE-Catalunya”.
“Queremos denunciar que hai corruptos e ladróns como Rato na rúa mentres políticos honestos e decentes como os ex eurodeputados Junqueras e Romeva están na cadea”, salientou a eurodeputada nacionalista tras saír do centro penitenciario de Lledoners, ao tempo que reiterou que para o Bloque a única opción pasa pola inmediata liberación dos presos políticos.
Segundo afirmou Miranda “temos claro que están en prisión preventiva por exercer a súa actividade política”, e salientou que os presos políticos están sufrindo unha “persecución política e unha vinganza por parte do Estado”. Ademais, lembrou que na súa actividade política utilizaron en todo momento vías pacíficas mentres o Estado utilizou a represión, en referencia ao acontecido o 1 de outubro do ano pasado.
A eurodeputada do BNG considerou necesario que no futuro xuízo haxa observadores internacionais “posto que hai demasiadas evidencias de que non vai ser imparcial”. Ao respecto, Miranda fixo a proposta de trasladar este caso á Comisión de Liberdades e Xustiza do Parlamento Europeo co obxectivo de que realicen un seguimento pormenorizado do xuízo “xa que o Estado español vulnera a separación de poderes”.
Apoio feminista
No tocante a Carme Forcadell, a quen Miranda visitou no centro Mas d'Enric, a eurodeputada nacionalista transmitiulle todo o apoio feminista das mulleres do BNG e trasladoulle a idea de levar a cabo unha acción encabezada por varias eurodeputadas para visibilizar en Europa a existencia de presas políticas e exiliadas.
Tras a visita, a primeira concedida polo goberno do Estado a este grupo de parlamentares internacionais, Miranda destacou a enteireza e afouteza das e dos presos políticos. “Foi un encontro de moitas emocións, de apoio internacionalista e na firme defensa dos dereitos humanos”, subliñou.
A delegación da que forma parte Ana Miranda está integrada, ademais de outras MEP’s de diferentes partidos do Estado, polo exministro esloveno Ivo Vajgl, a eurodiputada socialista de Portugal Ana Gomes, as eurodeputadas do Sinn Féin Martina Anderson e Lynn Boylan, o flamenco Mark Demesmaeker e a francesa da esquerda Marie-Pierre Vieu.