Como parte da axenda parlamentar internacionalista, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa en Cuba nunhas xornadas de traballo para coñecer o proceso constitucional que se está desenvolvendo actualmente no país e analizar a situación que vive o pobo cubano como consecuencia do bloqueo “tan longo e inxusto, xa que é un tremendo castigo á poboación que dura máis de 60 anos”.
Neste contexto, Miranda mantivo un encontro coa colectividade galega e descendente de galegos residentes en Cuba, quen relataron en primeira persoa a súa experiencia baixo un bloqueo que afoga a economía, a importación de alimentos, de medicamentos e de combustible. “Temos que seguir este denunciando este inhumano bloqueo e seguir loitando para que chegue ao seu fin”, manifestou tras o encontro, no que lles fixo entrega dun exemplar da obra “Cuba 1991”, do prestixioso fotoxornalista Delmi Álvarez.
Intensa axenda
Ao longo dos dous días de traballo na capital cubana, a delegación de europarlamentarias da que forma parte Ana Miranda participou nunha intensa axenda de reunións, entre as que destaca o encontro coa dirección da Asemblea Nacional, en especial co seu secretario Homero Acosta, e cos Presidentes de diferentes Comisións Permanentes da Asemblea.
Nestas xornadas, a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, tamén mantivo unha reunión con representantes da Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba (UNEAC), cos que falou da preocupación común polo avance do fascismo no mundo, e con membros do Instituto Cubano de Amizade cos Pobos, aos que lles transmitiu a “total solidariedade do Bloque”.