O Parlamento de Galiza aprobou hoxe, a iniciativa do BNG, unha proposición non de lei para reclamar ao Goberno do Estado a modificación dos criterios que marcan a concesión de becas e axudas ao estudo nas etapas postobrigatoria, de maneira que non se prexudique ás fillas e aos fillos de traballadores autónomos aos que non se lles ten en conta a súa capacidade económica real.
A iniciativa, defendida pola deputada Cristina Fernández, reclama en concreto cambios nas condicións de acceso ás bolsas e axudas ao estudo do Ministerio de Educación e FP nas vindeiras convocatorias, “co fin de que os umbrais establecidos como topes máximos en ingresos por actividades económicas se modifiquen no sentido de atender aos beneficios netos reais, derivados de tales actividades económicas”.
Tal e como explicou Cristina Fernández, a iniciativa pretende rematar coa discriminación que sofren estudantes con algún membro computable da familia autónomo, que teña unha empresa ou que participe como socio nalgunha. Moitas das persoas solicitantes de becas nesta situación están recibindo este curso resolucións desfavorables debido a que para determinar os topes da renda familiar (155.500 €) o Ministerio ten en conta a facturación da empresa e non os seus beneficios netos.
“A cantidade de 155.000 euros parece moi importante, pero hai que ter en conta os gastos que tivo o autónomo ou a empresa para facturar esa cifra”, apuntou a deputada nacionalista, que advertiu dos prexuízos que están a sufrir fillos e fillas, por exemplo, de autónomos e empresarios, á marxe do que facturaron, tiveron perdas ou beneficios que en moitas ocasións non superan os simples salarios, de maneira que non se ten en conta a súa capacidade económica real.
“Podemos poñer por caso unha pequena tenda de electrodomésticos, unha moblería ou na venda de colchóns, por exemplo. Calquera pode entender que é doado superar os 155.000 euros de facturación ao ano, pero, que custo ten o material que se vende?”, expuxo.
Fernández insistiu así en que “non parece moi xusto que se considere só a facturación do negocio para asumir, sen comprobalo, que hai beneficios suficientes como para quedar fora da concesión das axudas de estudo dos seus fillos e fillas que están matriculados en Bacharelato, FP ou incluso universidades”.
A deputada nacionalista avogou na defensa da súa iniciativa por ter en conta a situación do colectivo de autónomos e lembrou, neste sentido, o retroceso do autoemprego en Galiza no 2022. Ese ano, o País perdeu 2.900 autónomos e autónomas, “sinal de todos os problemas que se atopan no noso País para manter unha situación que a economía actual non lles favorece”.
A proposición non de lei do BNG contou cos votos a favor dos deputados populares e a abstención dos socialistas