Francisco Jorquera tamén anunciou que por decisión do PP, non será tratada, a Proposición de Lei do BNG para reclamar as competencias da AP-9
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, asegurou que o veto do Partido popular á pregunta a Feijóo e o debate da Proposición de Lei para reclamar as competencias sobre a AP-9 responde á intención de tapar a boca ao BNG para que Feijóo non teña que responder nin valorar que o partido que preside presente numerosos candidatos imputados ás vindeiras eleccións municipais.
Tras a Xunta de portavoces, Jorquera criticou que o Presidente da Xunta anuncie medidas de impulso democrático mentres avala a presentación de candidatos nas listas do PP, imputados pola Comisión de presuntos delitos de Corrupción.
O PP traslada ao Parlamento as prácticas caciquís das Deputacións e Concellos
Por outra parte, tamén se referiu á condena de seis anos de prisión a Marcial Dorado por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico e a confiscación dos iates, por parte da Audiencia Nacional, nos que paseaba Feijóo con Dorado polas rías ao que sumou a orde da Xuíza do caso Zeta para que a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal, UDEF, investigue o entramado de empresas do amigo de Feijóo, Pachi Lucas, presunto conseguidor e en nómina da trama de Gerardo Crespo, e mentres isto ocorre, Feijóo segue falando de impulso democrático e o caciquismo e prácticas caciquís das deputacións e concellos son trasladadas ao Parlamento galego.
Si a Mesa rexeita o recurso contra o recorte de dereitos parlamentarios, o BNG presentará un recurso ante o Tribunal Constitucional
Jorquera avanzou que no caso de ser rexeitado o recurso do Grupo parlamentario ante a Mesa do Parlamento contra o recorte de iniciativas , o BNG recorrerá a decisión ante o Tribunal Constitucional por considerar que se están a vulnerar os dereitos d@s deputad@s para desenvolver o seu labor na Cámara galega.
Por outra banda, anunciou que a presidenta da Mesa deu a razón ao BNG sobre a interpretación do Regulamento no que atinxe as intervencións dos grupos para fixar a súa posición nas interpelacións polo que a partir de agora, poderán empregar os 10 minutos como reclamou a deputada do BNG, Carme Adán na última sesión plenaria, e que provocou a súa expulsión de maneira inxusta do hemiciclo.
Para o deputado, o acontecido con Adán é unha demostración da arbitrariedade e abuso de poder da Presidenta do Parlamento por expulsar a unha deputada que apelou ao cumprimento do regulamento da Cámara. As políticas de recorte e caciquís do PP se estenden cada vez con máis contundencia a este Parlamento, remarcou.
Finalmente, Jorquera anunciou que, á iniciativa do BNG na vindeira sesión plenaria serán debatidas, entre outra cuestións: o modelo de cotas de especias peláxicas, os convenios cos concellos para xestionar os servizos sociais, a situación do sector das artes escénicas e a repercusión dos anuncios de PEMEX para o Naval galego.