Jorquera: “ O PP veta o debate para investigar as causas do accidente de Angrois"

O BNG propuxo incluír no pleno a creación dunha comisión de investigación ante os novos datos que afectan a altos cargos de ADIF. O PP argumentou que a cuestión xa fora debatida na Cámara

O portavoz do BNG, Francisco Jorquera tamén preguntará a Feijóo pola “operación ruinosa” da venda de Novagalicia Banco e o “estrepitoso fracaso” das xestións con PEMEX, con 21 barcos anunciados e só dous adxudicados

Francisco Jorquera comparece tras a Xunta de portavoces

Francisco Jorquera lamentou hoxe que, por terceira vez, o Partido popular rexeitara a solicitude do BNG para que o pleno do Parlamento se pronunciara, na vindeira sesión plenaria, sobre a posibilidade de crear unha comisión de investigación das causas do accidente ferroviario de Angrois. “Existen novos datos, e moitas preguntas sen responder que afectan a altos cargos de ADIF”, amparan esta solicitude.

O parlamentario tamén se referiu os informes periciais que afirman que a curva de Angrois “tiña un risco previsíbel e non tolerábel” e con posibilidades de descarrilamento “dun cada seis meses”. 15.000 sinaturas pediron unha comisión de investigación porque existe a necesidade de que sexa esclarecida a verdade e se depuren responsabilidades, “por xustiza e respecto á memoria das vítimas”, enfatizou.

O BNG leva ao pleno a “desastrosa operación con Novagalicia Banco e o fracaso con PEMEX”

O portavoz do BNG preguntará a Feijóo se asumirá as súas responsabilidades pola venda de Novagalicia Banco a Banesco da que dixo, é a “demostración do fracaso das súas políticas” e unha ruína para Galiza.

Francisco Jorquera

Jorquera explicou que foron destinados 8.981 millóns de euros de fondos públicos para o seu saneamento e vendida a Banesco por 1.003, dos que hai que descontar os créditos fiscais que benefician os compradores. Agora, sabemos que no primeiro ano Abanca xa gañou 1.157 millóns de euros, “case o dobre do que pagou pola entidade financeira galega”.

Por outra parte, o nacionalista cualificou de “fracaso estrepitoso” os acordos con PEMEX co anuncio da construción de 21 barcos dos que só dous foron adxudicados. Ademais, criticou a intermediación de Feijóo pra que o estaleiro Barreras fose vendida á petroleira mexicana “a prezo de saldo” co fin de transferir tecnoloxía e potenciar a construción naval mexicana e agora PEMEX “retira a carga de traballo anunciada para Barreras”.

Á iniciativa do BNG, tamén serán debatidas: Unha moción relativa ás medidas sobre normalización lingüística, a transferencia de competencias en materia de lexislación laboral e as restricións do tráfico pesado nas estradas galegas derivado ás autoestradas de peaxe.

O BNG pide a dimisión de Rocio Mosquera

A preguntas dos xornalista sobre a dimisión en bloque dos membros da Comisión de Bioética por discrepar coa Consellería sobre as medidas correctoras das desigualdades en atención sanitaria, o portavoz do BNG reiterou que en diversas ocasións, esta forza política foi moi crítica coa xestión da titular de sanidade e mesmo pediu a súa destitución. O Presidente da Xunta, dixo, debe responder porque as recomendacións da comisión non foron atendidas e a conselleira dimitir por unhas políticas que cada vez “degradan máis a sanidade pública”. Esta, é unha razón máis para pedir o seu cese.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG