O BNG celebrou esta mañá unha batería de actos simbólicos de protesta en diferentes lugares emblemáticos do país para chamar a atención sobre a crise humanitaria dos e das refuxiadas, reclamar a anulación inmediata do acordo UE-Turquía e reivindicar unha política de asilo que dea acollida ás miles de persoas que petan nas portas de Europa fuxindo da guerra ou da miseria.
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto da Coruña ante a Torre de Hércules para denunciar a política inhumana que soportan miles de refuxiad@s por parte das institucións europeas, unha política que nos avergoña.
O Bloque pide a ruptura do ilegal e inmoral acordo pactado co goberno de Ankara que permite mercadear con seres humanos, ao tempo que denuncia o cinismo do Estado español que, despois de comprometerse a recibir a miles de refuxiados, só ten acollido a 18 persoas. Esta debe ser a primeira rectificación urxente, demandou a tamén deputada nacionalista, indicou.
Provoca rabia e indignación ver como desaparecen miles de nenos e nenas no corazón de Europa ou como morre xente de frío mentres as institucións da UE miran cara outro lado. Queremos unha Europa que abra as fronteiras e volva aplicar políticas de asilo ante esta crise humanitaria, argumentou Pontón.
O BNG lembra tamén que estas persoas escapan de guerras provocadas precisamente pola política imperialista practicada ou auspiciada tanto desde Europa como desde EEUU, alegou a portavoz nacional neste acto simbólico ante a Torre de Hércules onde se despregou unha pancarta co lema Galiza c@s refuxiados, que o Bloque repetiu en lugares emblemáticos por todo o país, como na Catedral de Santiago, na Cruz do Castro en Vigo, na Muralla de Lugo, nas Burgas en Ourense, ou na Ponte internacional en Tui.