Galiza perdeu 8.464 millóns de euros desde a entrada en vigor do actual sistema de financiamento autonómico en 2009, -o equivalente ao orzamento da Xunta-, e o Goberno central recada 3.000 millóns de euros anuais máis dos que despois inviste no país.
Partindo destes datos, o BNG presentou a súa proposta de financiamento, que pasa por un modelo de cupo ou concerto económico, similar ao de Navarra e Euskadi, con tres grandes propostas: unha facenda propia que recade e xestione o 100% dos impostos que pagan os galegos e as galegas, capacidade normativa fiscal plena e unha banca pública para canalizar o aforro do país cara as familias e as empresas.
Trátase, en palabras do portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, de invertir os termos da relación que agora temos co Estado: recadar e xestionar todos os nosos ingresos e impostos e despois facer contas co Goberno central.
Este sistema de cupo permitiría a Galiza, como xa se fai no País Vasco, que todas e cada unha das empresas que operan aquí tributen na facenda galega o imposto de sociedades, o que suporía uns ingresos adicionais de 1.000 millóns ao ano, unha cifra que compensaría os recortes feitos por Feijóo en educación e sanidade desde que está na Xunta, indicou Jorquera.
No acto de presentación na Coruña, ante a escultura en memoria de Alexandre Bóveda pai do modelo de financiamento incluído no Estatuto de autonomía, a portavoz nacional, Ana Pontón, salientou a necesidade de acabar co falso mito, ca grande mentira, de que somos un país subsidiado, cando é a o contrario, somos solidarios co resto do Estado aportando máis do que recibimos. O Estado español recada máis do que inviste, e o que nos devolve son recortes, paro, precariedade e emigración. Hai que mudar este sistema.
Feijóo alumno avantaxado de Montoro
Pontón culpou a Feijóo da discriminación financeira pola súa incapacidade para defender un modelo xusto para o país. Limitouse a ser un alumno avantaxado de Montoro á hora de aplicar os recortes, privatizar a sanidade e a educación, en desmantelar servizos públicos e en traer máis paro e a precariedade. Como pode dicir que hai recuperación cando a pobreza aumentou un 25%?, interpelaba a deputada.
Carlos Callón, que lidera a candidatura de BNG-NÓS pola Coruña, fixo fincapé na necesidade de que Galiza teña representación propia no Congreso a través dunha candidatura de país, como van ter Euskadi e Cataluña, ou ninguén dará a cara por nós, como quedou demostrado estes meses de lexislatura fracasada, alegou.
Voz e veto en Madrid
Tratan os nosos recursos fiscais e financeiros como se fose un botín para repartir entre uns cuantos. Non podemos consentilo e a representación do BNG servirá para que teñamos voz e veto en Madrid, igual que outras forzas nacionalistas do Estado van estar e condicionar a conformación do Goberno, como indican as enquisas. A pregunta é se Galiza vai estar. Vímolo con claridade nestes meses, se o BNG non está, Galiza non está, salientou.
O modelo de cupo que propón o Bloque, inclúe tamén modificacións fiscais que se desenvolerían a través dunha facenda galega baixo a premisa da progresividade. Que pague máis, quen máis ten, sintetizou Pontón.
Medidas fiscais
Entre as medidas, imposto especial ás grandes fortunas personais e empresarias, acabar coa fraude legal das SICAVS, un IRPF máis progresivo, IVE supereducido do 4% para os bens de primeira necesidade e bens culturais. E tamén, un plan de loita contra a fraude en Galiza, en particular para aqueles recursos que marchan cara paraísos fiscais.
Pontón salientou que o sistema de cupo serviu a Euskadi e Navarra afrontar mellor a crise, con menos paro. Queremos ter un sistema propio que nos permita blindar o financiamento dos nos servizos públicos e usar os nosos recursos a favor da maioría social, concluíu.