O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou que Galiza precisa un cambio real e amosouse convencido de que da man do BNG ese cambio é posíbel, porque é posíbel plantar cara aos recortes, é posíbel facelos recuar como acaba de demostrar o pobo portugués.
Jorquera, que participou nunha xornada de traballo con candidatos e cargos orgánicos e institucionais do BNG, explicou que Galiza precisa un cambio que poña fóra o peor goberno da Historia deste País, que faga de dique de contención ás políticas de Feijóo, que agora fuxe de Rajoy e das súas propias siglas.
Neste sentido, lamentou que onte mesmo Rajoy visitara Galicia e o único momento no que se deixou ver con Feijóo foi na voda do fillo dun ministro. Rajoy veu tomar o pelo aos galegos e galegas -engadiu- porque agora que chegan as eleccións é cando se acorda dos parados, agora vén vender fume e dicir que Galiza vai ser a primeira en saír da crise porque soubo mellor ca ninguén capear a crise grazas a Feijóo
Feijóo agora fuxe de Rajoy e das súas propias siglas, pero non pode vender ni solvencia nin unidade porque a herdanza que deixa é a dun país ao borde da ruina
Jorquera preguntouse a quen lle falaba Rajoy, se aos 113.000 parados máis que hai dende que Feijóo chegou á Xunta; aos máis de 60.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar; aos gandeiros que tiveron que pechar 3.000 explotacións ou aos pequenos e medianos empresarios e comerciantes que tiveron que liquidar uns 5.000 establecementos.
Rajoy ve unha Galiza diferente á real porque a única Galiza que coñece é a que ve fumando un puro vendo os touros en Pontevedra, pois que patee o País e descubra que a verdadeira herdanza de Feijóo é a dun País ao borde da ruina.
Feijóo, nin solvencia nin unidade
O candidato nacionalista insistiu en que Feijóo non pode vender nin solvencia nin unidade e volveu a emprazalo a que aclare se está disposto ou non a pactar con Mario Conde, que aclare esta cuestión en vez de teimar en meter medo co nacionalismo, cando o único que dá medo aquí son as súas políticas.
Criticou que o candidato do PP diga que non lle interesa ter máis capacidade de decisión cando durante toda a lexislatura xustificou a súa ineficacia argumentando que non tiña competencias.
Pois que se entere Feijóo e o PP, nós non somos separatistas mais o PP si é separador. Son separadores cando se esquecen da austeridade e dilapidan cartos públicos para evitar que o galego estea presente no ensino; candon negan o dereito dos galegos e galegas a decidir sobre o seu futuro ou cando segregan por sexo o alumnado.
Jorquera amosouse convencido de que é posíbel facer fronte a esta realidade e plantarlle cara traballando coa sociedade, como fai o BNG e defendendo políticas alternativas como as que defende o BNG.
A militancia, principal capital do BNG
A este respecto, Jorquera felicitouse pola militancia nacionalista, o principal capital do BNG, pola súa entrega, compromiso e implicación cos problemas da xente.
Temos ideas, temos determinación e temos compromiso co País por iso estou convencido de que en bloque podemos e entre todos faremos posíbel o cambio o 21 O.