O BNG designou a Ana Pontón candidata á Presidencia da Xunta quen, ante o Consello Nacional, proclamou que asumía ese reto persoal e colectivo con confianza no proxecto nacionalista, e coa firme convicción de que o Bloque representa a alternativa de presente e de futuro ante o desastre de gobernos da sen razón e sen corazón.
Feijóo e Rajoy son as dúas caras da mesma moeda, símbolos de gobernos ao servizo da recentralización e do grande capital, sen proxecto para Galiza e sen corazón, denunciou Pontón. Para ser alternativa política é fundamental ter proxecto e ideas, mais é imprescindíbel ter corazón e sentir como propios os problemas da xente, recalcou a candidata nacionalista.
O BNG está e existe para darlle esperanza a todas as persoas que acreditan que este sistema está caduco e que hai que situar como prioridade o rescate social de Galiza, explicou.
Unha prioridade con tres obxectivos: rescatar á maioría social buscando un novo estatus que permita a Galiza capacidade real para dar solucións, blindaxe dos dereitos sociais, educación, sanidade e loita contra a exclusión. E aposta polos sectores produtivos para a creación de emprego de calidade.
De cara á repetición das eleccións xerais, Pontón avanzou que o BNG vai converter en oportunidade para Galiza o fracaso das forzas estatais, -vellas e novas-, en dar unha alternativa a Rajoy, converter a repetición das xerais nunha oportunidade para que Galiza recupere voz propia en Madrid.
A xa candidata amosouse convencida de que os galegos e galegas tomaron nota dese fracaso e do espectáculo iniciado tras o 20D. Tomaron nota de que Galiza quedou desaparecida nestes catro meses de paripé, teatro, roldas de prensa, xestos cara a galería, nos que os problemas do país non preocuparon, nin ocuparon a ningunha forza política do novo bipartidismo a catro.
Neste contexto, o BNG está preparado para ofrecer ao electorado unha candidatura de unidade, pero de todos e todas as que pensamos que Galiza ten que ter voz propia no Congreso, sen recibir instrucións das direccións dos partidos en Madrid, porque o Bloque non comparte a idea de que Galiza non pode soa, ou que precisa alianzas de primos de zumosol.
Honestamente, o que precisamos é un proxecto político ca cabeza e co corazón aquí, que non teña que pedir permiso a ninguén de cando e como pode defender os nosos intereses, como sempre fixo o BNG tamén no Congreso, declarou.
A portavoz nacional salientou que o BNG está preparado para encarar unhas novas xerais e xa traballa na elaboración do programa electoral para os comicios galegos, desde a experiencia de 30 anos presentando un proxecto de país.
Rescate social
O BNG considera que Galiza merece máis e que os galegos e galegas somos mellores que os gobernos que padecemos, declarou Pontón, quen fixo fincapé en que para mudar a realidade hai que cambiar os gobernos, que este país precisa unha alternativa nacionalista que lle de un futuro mellor ás persoas.
Por iso, o Bloque aposta por construír unha axenda co pobo, convencido de que o rescate nacional e social son as dúas caras da mesma moeda. Unha alternativa nacionalista, pensada para a maioría social deste país, que inicie novo rumbo, que defenda Galiza, a igualdade, a dignidade. En definitiva unha candidatura que aposte por un cambio real das políticas desde a nosa propia realidade, concluíu.