Para termos futuro na Galiza, xestionemos nós os nosos impostos

manfinanciamento

 #ConcertoGalegoXa

POR QUE NON NOS VALE O ACTUAL SISTEMA DE FINANCIAMENTO?

Galiza ten que atender servizos básicos fundamentais, como a sanidade, o ensino ou os servizos sociais. Destina 7 de cada 10 euros do gasto público a esas políticas sociais. En cambio, non ten capacidade legal para xestionar os seus propios ingresos.

Os impostos que pagamos as galegas e galegos non van directamente á Xunta de Galiza para financiar estes servizos públicos. Emigran a Madrid, para que o Ministerio de Facenda  decida a distribución. A Galiza chegan a través dun sistema de “financiamento común” arbitrario, inxusto e pouco transparente.

Ademais, aquí chégannos só os restos. O Goberno español ten as súas preferencias, aínda que non sexan as prioritarias para a maioría das galegas e galegos.

gráfico comparaciónEn anos de crise económica, con maiores necesidades sociais, financiouse antes o rescate á banca ou o mantemento de custosos programas de armamento militar que asegurar e blindar o custe dos servizos do benestar.

Rexeitamos esa lóxica, que até permite ao Goberno español suspender oposicións na Galiza, precisas para manter os nosos servizos públicos. E non teñen en conta características específicas do noso país, polo que o custe de moitos servizos son máis elevados debido á dispersión xeográfica ou o avellentamento. Así, na Galiza, coa metade dos núcleos de poboación do estado, precisamos de maior número de centros educativos ou sanitarios para dar atención á nosa poboación. No noso país é moito máis custoso dar servizos básicos como abastecemento, saneamento, alumeado público ou cubrir necesidades básicas como a atención domiciliaria ou o transporte escolar. O elevado número de quilómetros de costa ou de estradas con respecto ao total do estado e os custes derivados dos mesmos, son outro exemplo. Igualmente, hai que ter en conta o feito de que Galiza teña unha das máis elevadas porcentaxes do estado de maiores de 65 anos, tramo de idade no que se concentra a maior parte do gasto sociosanitario.

Todas as empresas radicadas na Galiza pagan o seu imposto de sociedades á Facenda española, entre elas: INDITEX, Citroën, Abanca, ALCOA, FENOSA-Gas Natural, ENCE, ENDESA, IBERDROLA, Audasa, etc.

Aínda que en moitos casos xeren impacto ambiental e social no noso país, lúcranse dos nosos recursos, mais os seus beneficios fiscais emigran.

 

POR QUE O BNG DEFENDE UN MODELO DE CONCERTO ECONÓMICO?

O concerto económico forma parte da tradición do pensamento económico galego que estudou o tema con vontade da Galiza existir politicamente, desde Alfredo Brañas, as Irmandades da Fala ou o Partido Galeguista, con Alexandre Bóveda á cabeza, sempre baixo unha premisa básica: o pobo galego é un pobo maior de idade, capaz e con dereito de se autorresponsabilizar de si propio.

Non pode existir un Goberno galego sen mando sobre os impostos na Galiza. Para cubrir os gastos das nosas necesidades e promover emprego digno, desenvolvemento económico, social e cultural que o país precisa, cómpre ser quen de determinar a política fiscal: poder ordenar e xestionar os nosos impostos.

O concerto garante que todos os ingresos que soportamos as galegas e galegos sexan de xestión do Goberno de Galiza, para en primeiro termo atender as propias competencias, que na súa maior parte están relacionadas con políticas sociais.

ANAPONTON REUNION CARGOS MUNICIPAIS BNG2

 

GALIZA SAIRÁ GAÑANDO CO CONCERTO ECONÓMICO

  • Outras nacións baixo ese modelo, como Euskal Herria, teñen mellores servizos públicos e capearon mellor a crise económica, pois controlan directamente os seus recursos fiscais.
  • Teríamos un sistema acorde coa nosa condición de nación, de pobo diferenciado.
  • Para termos unha capacidade real de decisión sobre os nosos recursos. Ninguén mellor que os galegos e galegas pode saber cales son as necesidades de Galiza nin poderá administrar os nosos recursos de xeito máis eficaz e acaido a esas necesidades.
  • Sería un sistema baseado na responsabilización da xestión de servizos pero tamén da política fiscal, polo que sería un sistema máis xusto, transparente e racional.
  • Permitiría blindar servizos básicos como a sanidade ou a educación, xerar emprego de calidade, e permitiría asumir máis capacidade de decisión, como a policía galega ou o salvamento marítimo.
  • Os concellos galegos terían financiamento propio, en base a criterios que teñan en conta a realidade territorial do país, e remataría a discriminación que padecen, ao recibiren 50 euros menos por habitante que a media do Estado español.

 

OUTRA GALIZA É POSÍBEL

Galiza sofre un triple espolio:

  • O fiscal, da man deste modelo de financiamento.
  • O financeiro, coa privatización e expatriación do aforro galego mediante a privatización das nosas caixas.
  • O enerxético, cun modelo de esquilmación dos nosos recursos sen posibilidade de nos dotar dunha tarifa eléctrica diferenciada.

mapa

Mudar estes tres piares é imprescindíbel para ter unha Galiza con futuro, con control dos seus recursos e capacidade real de aproveitar as nosas potencialidades e poñelas ao servizo das clases populares, facendo así da Galiza, unha nación libre, próspera e xusta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG