Basta de estafa. Basta de espolio.

Resulta escandaloso todo o que ten a ver co incremento brutal da factura da luz na Galiza. Pagamos un 31% máis que hai oito anos. E só no período do último ano, de 2017 a 2018, o recibo é un 8,6% máis caro.

É unha vergoña: Galiza, produtora de enerxía eléctrica (que tamén nutre a outras partes do Estado), pagará o 34% do total deste suplemento, mentres Madrid, deficitaria en enerxía eléctrica, tan só o 2,1%. Teñamos tamén en conta que Madrid máis que duplica a poboación galega e que no noso país temos salarios e pensións dos máis baixas do Estado, e obteremos a radiografía desta vergoñenta realidade.

Por se fose pouco, o Goberno español pretende agora pór en marcha unha Orde Ministerial que inclúe o denominado “suplemento territorial” da tarifa eléctrica que lle corresponde pagar a cada comunidade autónoma. Galiza pasará a ser o territorio que pague a factura da luz máis cara do Estado.

O Goberno español penaliza a quen produce (Galiza), e beneficia a quen consume. Como nacionalistas non asumimos esta lóxica humillante da estafa e do espolio permanente, que tanto dano nos fai e nos fixo historicamente. Nós producimos electricidade, e temos dereito a que esa riqueza reverta sobre o pobo galego.

Por todo isto, o BNG defende que os recursos enerxéticos da Galiza deben estar baixo control público galego, en exercicio da nosa soberanía.

Mais no inmediato, propomos:

  • Unha tarifa eléctrica propia para Galiza que, atendendo aos verdadeiros custos da produción, a factura da luz sexa máis barata que a actual, en beneficio de consumidor@s particulares e das nosas empresas.
  • Eliminación dos suplementos territoriais da tarifa eléctrica, impedindo esta nova discriminación sobre Galiza.
  • Baixada do IVE na factura eléctrica, do actual 21% ao 4% (superreducido). Teñamos en conta que o Goberno español decidiu baixar o IVE das touradas ao 10%.
  • Garantir a subministración eléctrica a toda a poboación, establecendo medidas para que non se lle poida cortar a luz a ningunha persoa sen recursos.
  • Creación dunha empresa pública galega que integre os encoros que remataron o período de concesión. Socialización dos beneficios xerados pola produción eléctrica, nomeadamente a eólica.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG