22 actuacións urxentes
1. 1% do orzamento da Xunta contra a violencia machista. Mentres haxa violencia non haberá igualdade. É necesario desenvolver a lei galega de violencia, para o que é preciso adicar como mínimo 1 euro de cada 100, o 1% dos orzamentos da Xunta de Galiza (115M€). Entre outras medidas, para ampliación da cobertura de axudas e crear novos mecanismos de apoio así como promover a equiparación a vítimas de terrorismo a efectos de indemnizacións ou mellorar e ampliar a Rede de Acollemento e Centros de Información á Muller, incrementando a colaboración cos concellos e apostando no reforzo do persoal.
2. Leis de igualdade actualizadas para unha nova era. É necesario actualizar o obsoleto marco legal en materia de igualdade e elaborar, cun amplo proceso de participación social, unha nova Lei de igualdade que substitúa a 7/2004 (refundida sen cambios no decreto de 2/2015) para adaptala á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista atendendo, de maneira específica, ao fomento da corresponsabilidade.
3. Acabar coa fenda salarial. Aínda que hai décadas que a fenda salarial é ilegal, as mulleres galegas cobramos máis de 4.000 euros menos ao ano do que os homes. Apostamos por impulsar unha lei de igualdade salarial que contemple, entre outras medidas, a obrigatoriedade de publicación dos salarios e complementos e impulsar sancións efectivas ás empresas que vulneren o marco legal. Así mesmo, desde a Xunta debe reclamarse a transferencia das competencias plenas na materia e a creación dun corpo específico de inspección laboral para realizar auditorías aleatorias que fiscalicen a existencia ou non de discriminacións por razón de xénero.
4. Dar prioridade e orzamento ás políticas de conciliación. Elaborar un Plan de conciliación e corresponsabilidade que garanta o incremento das prazas públicas en escolas infantís así como medidas tendentes a incorporar os homes ás tarefas de coidados.
5. Atención sanitaria con perspectiva de xénero, na rede pública e libre de violencias. Promover a superación da discriminación de xénero no estudo e na cobertura da saúde das mulleres creando unidades especializadas de referencia no sistema público sanitario galego e afondando na formación do persoal. De forma urxente: garantir os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, especialmente do dereito ao aborto, nos centros públicos así como o cumprimento dos protocolos internacionais; dar cumprimento ao acordo parlamentario impulsado polo BNG de medidas encamiñadas á mellora da atención sanitaria das mulleres que sofren endometriose, máis de 60.000 en Galiza, como a creación dunha unidade multidisciplinar de referencia e consultas específicas de endometriose en todas as áreas sanitarias (neste momento só existen en Vigo, A Coruña e Ourense).
6. Se é patriarcal non é xustiza. Un dos ámbitos onde máis se veñen evidenciando as carencias nestes últimos anos é o da xustiza. Cómpre apostar en formación para todos os axentes que interveñen na cadea, garantir espazos habilitados nos xulgados e ampliar os xulgados exclusivos en Galiza. PSOE e Podemos deben cumprir coa consecución dos de Lugo, Ourense e Santiago.
7. Comunicación con perspectiva de xénero. Impulsar medidas de formación en perspectiva de xénero no ámbito da comunicación e a publicidade, en medios públicos e privados. Promover o cumprimento da Declaración de Compostela para o tratamento informativo da violencia machista e fomentar iniciativas de divulgación superadoras da óptica patriarcal.
8. Traballadoras do mar. Crear o Observatorio da Igualdade para o Sector Galego do Mar co obxectivo de realizar estudos que fagan visible o traballo das mulleres no sector e que serva como ferramenta fundamental para a mellora das súas condicións laborais e salariais, para avanzar no recoñecemento das enfermidades profesionais e na aplicación de coeficientes redutores na idade de xubilación das mariscadoras, redeiras, percebeiras, ...).
9. Garantir os dereitos das mulleres que viven no rural mantendo e reforzando os servizos públicos (sanitarios, educativos) e ampliando os servizos de conciliación e corresponsabilidade dirixidos á atención e coidados das persoas maiores. Ampliación da rede de Centros de información ás mulleres e reforzo do persoal nos existentes para garantir a cobertura do conxunto do territorio, especialmente daqueles concellos e comarcas do rural que carecen del.
10. Acabar coa precarización das traballadoras das residencias e do Servizo de Axuda no Fogar. Mellora das condicións laborais e salariais das traballadoras do ámbito sociosanitario e renovación dos convenios colectivos nas privadas coa implicación decidida e firme da Xunta de Galiza así como restituír os dereitos recollidos no artigo 12 do V Convenio do persoal laboral da Xunta no caso das traballadoras das residencias públicas.
11. Traballadoras domésticas. Demandar do goberno central que non siga demorando a tramitación da ratificación do convenio 189 da OIT e atenda as demandas dos colectivos de traballadoras do fogar para avanzar na súa dignificación e protección, singularmente no referido ás prestacións por desemprego.
12. O que non se mide e nomea non existe. Avanzar nas estatísticas e estudos que amosen a realidade da desigualdade para combatela. Comprometer a elaboración periódica desde o propio IGE dunha macroenquisa galega sobre violencia machista e da Conta Satélite da Produción Doméstica para medir a achega económica do traballo no fogar e a desigualdade do reparto de tempos e tarefas entre homes e mulleres, obrigatoria por lei e bloqueada polo Partido Popular. Intensificar a colaboración coas universidades galegas no desenvolvemento de estudos específicos sobre a materia.
13. Para unha mellor ciencia precisamos máis igualdade. Desenvolvemento da Lei Ángeles Alvariño a través da elaboración dunha guía que oriente e garanta a súa aplicación nas convocatorias tanto públicas como privadas. Elaboración do III Plan de Muller e ciencia e dotación de recursos e dun plan de traballo anual a Unidade de Muller e Ciencia.
14. O ensino como piar para construír unha Galiza feminista. Eliminar os concertos educativos cos centros que segregan o alumnado por sexo. Elaborar unha Nova estratexia para a igualdade nos centros de ensino dotada do financiamento, materiais e recursos necesarios e publicar a avaliación do I Plan de actuación para a igualdade nos centros educativos de Galiza 2016-2020. Blindar a formación con perspectiva de xénero no máster habilitante para a función docente a través dunha materia específica. Aprobación dos plans de igualdade do profesorado de acordo co disposto na lexislación vixente desde 2007.
15. A administración pública debe ser exemplo. Elaboración unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas sufragadas total ou parcialmente por parte da Xunta de Galiza de cara a asegurar o cumprimento dos convenios colectivos e a non existencia de fenda salarial. Cumprimento do acordo parlamentario impulsado polo BNG para incorporar cláusulas de igualdade. Aprobación do I Plan de Igualdade da Xunta de acordo co disposto na lexislación vixente desde 2007, sen facer desde hai 15 anos.
16. Instrumentos de autogoberno para velar polos nosos dereitos. Creación dunha Valedoría de Igualdade como organismo destinado a combater calquera tipo de discriminación contra as mulleres, con capacidade para sancionar administrativamente ás empresas que cometan accións de discriminación salarial ou profesional por cuestións de xénero.
17. Recoñecemento das familias monoparentais por elección propia. Impulso da Lei galega de recoñecemento e apoio das familias monoparentais que incorpore, entre outras medidas, o recoñecemento específico daquelas que o son en orixe, motivadas por unha decisión libre e consciente, que no actual marco normativo están invisibilizadas e medidas de protección social e económia.
18. Mellorar a atención da violencia sexual revisando o Protocolo interinstitucional para contemplala de forma específica, traballar por estender o protocolo do Partido Xudicial de Santiago de Compostela e garantir, cunha campaña de información ampla e transversal, a gratuidade da atención xurídica ás vítimas de violencia sexual por seren vítimas de violencia machista.
19. Apelar aos homes como suxeito responsábel no camiño a prol da igualdade impulsando medidas e accións que os leven a revisaren os seus privilexios e actuar sobre eles. Desenvolver un plan integral de formación para mozos e homes en xeral destinado a cuestionar os mandados de xénero, con carácter plurianual, fomentar a elaboración de materiais pedagóxicos destinados a diferentes etapas do ensino primario e secundario para traballar especificamente entre os nenos e mozos valores alternativos aos do patriarcado e outras formas de masculinidade.
20. Polos dereitos das compañeiras trans. Elaboración dunha Lei galega de identidade de xénero coa participación do colectivo trans, baseada nunha despatoloxización das identidades trans e que teña por obxectivo reverter a consideración de enfermos mentais que aínda recae sobre este colectivo na Galiza, seguindo o camiño sinalado por diversos organismos internacionais como a Comision Europea e a Organización Mundial da Saúde.
21. Loita contra a prostitución. Impulsar medidas para garantir a liberdade para deixar a prostitución a todas as mulleres que así o queiran, incluídas as migrantes en situación de irregularidade administrativa a través de mecanismos que garantan a cobertura das súas necesidades persoais básicas (ingresos, aloxamento, emprego, regularización administrativa…). Garantir que as medidas da futura lei de liberdade sexual do Estado incorporen mecanismos que eviten o empeoramenteo da situación das mulleres en prostitución ou a súa persecución.
22. Recuperación das funcións dos Centros Quérote+ desmantelados polo PP. Incrementar o persoal, delegacións, servizos de atención (tanto telefónica como presencial) e conexión con centros educativos, xuvenís e de saúde dos Centros Quérote+ de todo o país. Aumento nas vilas pequenas e medianas e impulsar unha maior ligazón coa mocidade garantindo a súa participación.