A Xunta reitera o seu apoio, sen datas nin previsións, ao “ermo millonario” da Plisan

Adán lembrou que na actualidade, catro millóns de metros cadrados seguen á espera dunha decisións do Goberno galego para desenvolver a Plataforma Loxística e Industrial-As Neves

Carme Adán

No debate da pregunta parlamentaria ao Goberno formulada polo BNG sobre as razóns que manteñen paralizada a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra -As Neves, a nacionalista Carme Adán cualificou a PLISAN de “decorado de filme apocalíptico” tras amosar diversas fotografías da zona con catro millóns de metros cadrados deforestados, un cráter xigante de vinte metros de profundidade cuberto de auga e 100 millóns de euros investidos durante 12 anos nese “ermo millonario”.

A parlamentaria iniciou a súa intervención dando a benvida aos veciños e veciñas das Neves asistentes ao debate dende a tribuna de invitados para a continuación preguntar, á recen nomeada conselleira, Ethel Vázquez que pensa facer agora a Xunta co “descampado” na que se produciu unha importante tala de árbores.

Anuncios baleiros de contido e concreción

A nacionalista explicou que durante un encontro dixital no 2009, o anterior conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández respondeu á pregunta para cando unha solución aos afectados da Plisan, “estamos traballando con outros promotores para acadar a mellor solución e esperamos dispor da solución nas vindeiras semanas”.

No ano 2011, engadiu, prodúcese o anuncio da ubicación da Mitsubishi asegurando o propio Núñez Feijóo que con este paso, quedaban solventadas as inseguridades xurídicas da PLISAN para levar adiante este proxecto estratéxico para Galiza. A deputada tamén recordou outro anuncio da Zona Franca, en febreiro do ano 2013, sobre a urbanización do polígono por parte da Xunta e o porto atendendo á demanda de chan e concretando a comercialización das parcelas no segundo semestre do 2013 para que a instalación de empresas ano 2014.

A Xunta segue sen concretar datas e previsións

A parlamentaria preguntou polas previsións da Xunta sobre o futuro da Plisan, a día de hoxe, tendo en conta a realidade actual e a falta de concreción por parte da Xunta de Galiza.

Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez afirmou que o Goberno galego mantén a súa aposta pola PLISAN e que “nunca abandonou a idea de rematar este proxecto” ao igual que fixo co Porto seco de Monforte pero houbo contratempos derivados da súa planificación e acusada xudicialización de “reclamacións lexitimas” tras o proceso de expropiación.

Tras a resposta de Vázquez, Adán volveu preguntar que vai pasar coas indemnizacións, tras a sentenza do Tribunal Supremo, qué ocorre coa execución coas sentenzas dos pagos de dereitos mineiros e que vai facer a Xunta cos catro millóns de metros cadrados deforestados. Vanos dedicar, a alugueiro de “estudos cinematográficos para filmes de futuro apocalíptico”? ironizou a nacionalista .

Adán concluíu a súa intervención lamentando que a Xunta non anunciara “ningún compromiso real” con datas e previsións cara o desenvolvemento da PLISAN.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG