A portavoz nacional participou en Vigo na presentación da nova imaxe de Galiza Nova, un acto no que se referiu á mocidade como o “motor do cambio” para construír unha Galiza que lle dea máis oportunidades, o País no que a xente nova non teña que elixir entre “a emigración ou a precariedade” e no que poda emanciparse e desenvolver o seu proxecto de vida.
“Sempre somos militantes de Galiza Nova. Eu son, fun e sempre serei desta organización”, díxolles Pontón aos mozos e mozas que participaron na presentación dunha imaxe que se renova despois de 36 anos como símbolo da mocidade que se implica, “que quere a Galiza e quere ter un futuro aquí, aportando o seu grao de area para que este sexa o País no que poder facer realidade os seus sonos”, asegurou.
Pontón fixo así un chamamento á militancia da organización xuvenil do Bloque, a primeira do País, a “seguir empuxando” nunha “mobilización permanente”, facendo do nacionalismo unha forza hexemónica e dándolle ao BNG cada día máis forza como a alternativa que Galiza precisa. “O cambio que xa está en marcha, como quedou demostrado nas pasadas eleccións, é imparable da man de Galiza Nova e do BNG”, proclamou Pontón.
Animou así á mocidade nacionalista a continuar traballando “con toda a forza, ilusión e entusiasmo” para acadar máis apoios, sumando nova militancia, e que se podan levar a cabo as políticas transformadoras que defende o Bloque para que a mocidade teña empregos dignos ou para garantir o dereito a unha vivenda.
“As políticas do PP están facendo que miles de mozos e mozas deste País teñan que emigrar ou non se podan emancipar”, denunciou Pontón, que aproveitou para criticar ao Goberno de Rueda por “dinamitar” a política social de vivenda e contribuír a que “hoxe ter traballo non sexa sinónimo de poder emanciparse e desenvolver un proxecto de vida”.
Pontón destacou o traballo feito por Galiza Nova consolidándose como “peza fundamental do nacionalismo”, e emprazou á organización a incorporar ao seu proxecto novos membros axudando así a “ensanchar” a base electoral do Bloque, “a única forza que ten a cabeza e o corazón en Galiza para defender os intereses da mocidade”, agregou, ao tempo que convidou á militancia a seguir perseverando porque “as cousas non se mudan dun día para outro”.
“Nas pasadas eleccións xa vimos que en Galiza hai un cambio en marcha. A veces os cambios costan máis do que nos gustaría pero eu sei que grazas á vosa foza este cambio é imparable”, afirmou Pontón, nunha nova chamada a manter o “inconformismo e a rebeldía” da mocidade como motor da alternativa.