Senado

PP e PSOE votan en contra da proposta do BNG para impulsar a transferencia á Galiza das competencias pendentes

Carme da Silva
Carme da Silva

O resultado da votación evidencia a falta de ambición e crenza no autogoberno que as formacións estatais teñen, valora a senadora do BNG

Despois de pactar a renovación do CXPX, a frente nacionalista lamenta que PP e PSOE -o bipartidismo clásico- non queira apoiar o impulso ao autogoberno da Galiza após 14 anos de parálise

“Éncheselles a boca falando de autogoberno e din defender os intereses de Galiza mais logo, en Madrid, defenden os intereses do seu partido”

A senadora do BNG, Carme da Silva, defendeu unha moción na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas da cámara alta para impulsar a transferencia á Galiza de todas as competencias pendentes, após 14 anos de deserto que mesmo fixo retroceder a capacidade política, económica, social e cultural. Por desgraza, a moción, que procuraba activar a Comisión Mixta de Transferencias Goberno do Estado-Xunta de Galiza, contou cos votos en contra de Partido Popular e Partido Socialista. A frente nacionalista afirma que esta votación evidencia a falta de ambición e confianza no autogoberno que ten as organizacións de carácter estatal.

“Éncheselles a boca falando de autogoberno e din defender os intereses de Galiza mais logo, en Madrid, defenden os intereses do seu partido por riba dos intereses dos e das galegas” lamentou a senadora do BNG despois da votación da súa moción para impulsar a transferencia á Galiza das competencias pendentes.

O principal obxectivo da moción do BNG era, segundo explicou a senadora do BNG, dar “un salto adiante no autogoberno” a través da “asunción de novas competencias que outorguen ao noso País unha maior capacidade de resposta aos retos do futuro”. Despois de 15 anos sen asumir ningunha transferencia -o “triste balance do PP á fronte da Xunta de Galiza”-, Galiza bateu todos os récords na historia das autonomías sumando “tres lexislaturas consecutivas sen conseguir ningunha competencia”.

“No actual contexto, Galiza ten que aspirar a medrar en decisión política, en maior responsabilidade para gobernar os asuntos que nos afectan e interesan. Precisa un cambio de rumbo e adoptar decisións que nos permitan enfrontar os novos retos dunha época con cambios relevantes no eido produtivo, tecnolóxico e de relacións sociais” asevera Carme da Silva. A senadora do BNG afirma que esta maior capacidade permitiría tomar decisións importantes ante a emerxencia climática ou mesmo decidir, os galegos e galegas, sobre a produción enerxética: “por terra e por mar”.

Saír da parálise e avanzar

Na actualidade, tal e como lembraba durante a súa intervención a senadora nacionalista, o proceso de desenvolvemento do autogoberno é nulo. “O camiño para avanzarmos no autogoberno, para o BNG, ha de aspirar nunha reforma constitucional que recoñeza a capacidade da Galiza de decidir nas cuestións que nos competen. Mentres non se dea, formulamos a necesidade de acometer un proceso de transferencia de competencias a Galiza” sinala da Silva.

De facto, esta cuestión foi recollida no Acordo de Investidura asinado polo BNG onde o Goberno se comprometía “a sacar a Galiza do buraco que limita a nosa capacidade de desenvolvemento e avanzar no reforzo da capacidade de decisión do autogoberno”. O BNG recolleu, tal e como contemplaba tamén a moción, a necesidade de convocar a Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta como “primeiro paso” para comezar a transferir “as competencias estabelecidas no Estatuto de Autonomía e aquelas que sexan acordadas e aprobadas expresamente a través de Leis Orgánicas singulares”.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG